O Bloque demanda ao alcalde que evite ''maiores dános'' na rede viaria

O grupo do BNG chantadino, liderado por Ildefonso Piñeiro, defenderá na próxima sesión plenaria unha moción na que se reclama un acordo para que o grupo de goberno local, en mans dos Independentes Terras do Asma (INTA), manteña en bo estado de conservación a rede viaria municipal.

O nacionalista Ildefonso Piñeiro pide o respaldo da corporación para que o mandatario, Manuel Varela, inste os servizos municipais a que limpen as cunetas e os desaugadoiros dos camiños locais antes de que comece a tempada de choivas e así non se vexa afectada a circulación nin os veciños.

Piñeiro recoñece que a rede de estradas locais «nunca se pode dicir que estea en perfecto estado, pero si que está mellor que no 2007», cando entraron a gobernar socialistas e nacionalistas tras desbancar ao PP do goberno local, representado entón por Manuel Varela antes de que decidise retirarse da formación e crear un partido independente.

O nacionalista alude á anterior etapa de Varela para sinalar que «a maioría das estradas e camiños municipales están moi mal construídos», aínda que tras o paso de socialistas e nacionalistas, «co firme e cunetas arranxadas».

O portavoz do BNG matiza que boa parte dos viarios «carece de firme sólido, como ben sabe o alcalde, pois foron feitas baixo o seu goberno ou do partido do que foi membro durante anos».

Para o concelleiro Ildefonso Piñeiro, o goberno local debe ter en conta tales matizacións á hora de considerar a súa moción pois entende que unha das claves para evitar «maiores dános» nos viarios, ante a súa mala construción, radica en realizar constantes labores de limpeza de cunetas e arredores para frear, na medida do posible, «deterioracións irremediables».

Comentarios