O Bierzo, Valdeorras e Terra de Lemos pedirán axilizar o proxecto da A-76

Os alcaldes das cabeceiras de comarca de Terra de Lemos, Valdeorras (Ourense) e O Bierzo (León) decidiron na tarde de onte, nunha reunión mantida na casa consistorial de Ponferrada, dirixirse aos portavoces do PP, PSOE e BNG no Senado co fin de que lle reclamen ao Ministerio de Fomento que, se tecnicamente é posible, licite o próximo ano a redacción do proxecto, ben na súa totalidade ou por tramos, da autovía A-76, que unirá a capital do Bierzo con Ourense a través de Monforte.

Así mesmo, quérese que estes tres grupos políticos asinen unha emenda aos Orzamentos Xerais do Estado de 2011 para que se incremente a partida destinada a esta vía de alta capacidade.

O rexedor monfortino indicou que «todos coincidimos na importancia que esta autovía ten para o futuro da tres comarcas, de aí a nosa decisión de pedir que se axilicen os trámites para que sexa unha realidade o antes posible e reclamar unha xuntanza con responsables do Ministerio de Fomento para que se nos expliquen os prazos a seguir no caso de que non sexa posible licitar o plan o ano que ven».

Sobre as trabas que puxo a Xunta de Galicia a nivel ambiental referidas á afectación da Serra da Lastra pola autovía, Severino Rodríguez manifestou que tal problema estaría a piques de solucionarse.

Respecto diso, engadiu que os tres alcaldes decidiran enviarlle un escrito aos responsables da Xunta de Galicia para que «preste toda a súa colaboración a fin de non demorar máis unha infraestrutura vital para o futuro do sur de Lugo».

E é que o proxecto de trazado ten aínda que pasar o trámite de impacto ambiental, actualmente en tramite debido a que non se resolveu a principal alegación presentada, o paso da A-76 pola Serra da Lastra.

A maiores, na reunión de onte, o alcalde monfortino pediu que na comisión na que participa cos alcaldes de Ponferrada e Valdeorras e na que están presentes axentes socioeconómicos de ambas as comarcas tamén teñan cabida os de Terra de Lemos. De feito, existe unha plataforma formada por empresarios, sindicatos e asociacións veciñais.

Comentarios