O barco de Repsol chega este sábado á zona de sondaxe, que comezará nunha semana

O barco contratado por Repsol para levar a cabo as sondaxes petrolíferas autorizadas polo Goberno español ao leste de Lanzarote e Forteventura, o Rowan Renaissence, chegará na madrugada deste sábado á zona na que nunha semana se prevé que comece a investigación.

Fontes da compañía informaron hoxe a Efe de que o sector onde se iniciarán as prospeccións conta, desde hai dous días, cun radio de exclusión marítima dunha milla náutica de seguridade que, ditaminado pola Mariña Mercante, impide o tránsito de buques mentres se realicen os traballos. "Se hai alguén que non o respecta, entendemos que a autoridade deberá tomar medidas porque, evidentemente, poríase en risco a seguridade da operación", advertiron as fontes.

Repsol reiterou que esta investigación conta con todos os permisos exixibles e subliñou que a compañía "ten toda a lexitimidade do mundo" para levala a cabo. Por iso, a petroleira consideraría "sorprendente que quen supostamente din defender os valores naturais os puxeran en perigo, xunto coa seguridade da operación".

Sobre o desenvolvemento dos traballos, as fontes explicaron que o Rowan Renaissence contará co apoio doutros catro buques, un deles permanentemente as 24 horas do día, e outros tres que se encargarán dos labores loxísticos da operación, que comezará no sector denominado Sandía, cuns 3.170 metros de profundidade.

Repsol prevé que a primeira fase das sondaxes se prolongue uns 60 días, ata metade ou finais de xaneiro de 2015, e en función dos resultados acometerá unha segunda no sector denominado Chirimoya, cuns 3.000 metros de profundidade. Cada unha destas fases implicará un investimento de 100 millóns de euros a cargo da compañía, precisaron as fontes.

Por outra banda, Repsol informou de que a bordo do buque de apoio permanente ao Rowan Renaissence estarán tres observadores de cetáceos independentes que velarán pola seguridade dos mamíferos mariños. No caso de que haxa algún perigo para os animais pararían os traballos, aseguraron as fontes.

Comentarios