O Concello de Sober iniciou unha campaña de compostaxe doméstica

O Concello de Sober, en colaboración con Sogama, iniciou un plan de compostaxe doméstica para o que se solicitou a axuda veciñal.

Con esta iniciativa, dixo o alcalde, Luís Fernández Guitián, poderanse diminuír os quilogramos de lixo e os veciños poderán obter un bo fertilizante de forma gratuíta. A compostaxe doméstica consiste en reciclar a materia orgánica e convertela nun abono natural con excelentes propiedades para o chan e que o propio produtor pode utilizar en substitución dos fertilizantes artificiais.

As persoas interesadas en participar neste plan deberanse anotar nas oficinas municipais antes do 30 deste mes.

Por outra banda, o Concello tamén repartiu novos colectores amarelos para a recollida selectiva, recolocou depósitos de papel e vidro co fin de obter un maior rendemento e instalou novos colectores verdes convencionais. Estas medidas forman parte dun amplo programa de melloras ambientais municipais.

Comentarios