O alumnado do Frei Luís recolócase no parvulario e os dous institutos

Reunión de padres en el Ceip (Foto: Vila)
photo_camera Reunión de padres en el Ceip (Foto: Vila)

Os 370 nenos do colexio Frei Luís de Granada de Sarria serán reacollidos nos outros centros de ensino públicos da vila: os institutos Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández, e a Escola de Educación Infantil, coñecida popularmente como parvulario. A Consellería de Educación tamén fará uso do edificio de infantil do colexio Frei Luís, que é de nova construción, está independente do resto das instalacións e non presenta dano algún na súa estrutura.

Representantes de Educación e os equipos directivos dos centros de ensino traballan desde primeira hora da mañá de onte nos preparativos do reacollo. Tras visitar as instalacións dos dous institutos sarriáns e comprobar a dispoñibilidade de aulas existente -sete no Xograr Afonso Gómez e seis no Gregorio Fernández-, acordaron distribuír o alumnado de primaria entre ambos os centros, situados nas proximidades do colexio.

Pola súa banda, os alumnos de educación infantil repartiranse entre o novo edificio do Frei Luís -que conta cun patio propio e está separado da zona afectada polas obras- e o parvulario, informou a delegación territorial da Xunta, que valorou o feito de que todos os nenos permanezan en centros educativos da vila.

A delegada, Raquel Arias, que o martes visitou Sarria para informar do reacollo, agradeceu tamén «a extraordinaria disposición» dos membros dos equipos directivos dos distintos centros e do Concello, «que responderon rápida e favorablemente ao plantexado por Educación».

Traslado

Os labores previos ao traslado dos escolares comezarán hoxe mesmo co transporte do material educativo, tarefas nas que colaborará o Concello de Sarria. A Administración local ofreceu «dispoñibilidade absoluta» para estes traballos, polo que esta mañá a brigada de obras e un camión empezarán a trasladar os aveños aos novos locais.

Segundo explicou o director do colexio, a previsión coa que se traballa é poder reiniciar as clases nas novas localizacións o mércores da próxima semana.

O reacollo farase intentando causar o mínimo trastorno posible a nenos e docentes, mantendo a composición das clases e sen separar ao alumno dos seus profesores e compañeiros de aula, aínda que non se descarta que haxa que agrupar algunhas clases.

Para tratar estes asuntos, hoxe mesmo está convocada unha reunión no comedor do Frei Luís, ás catro da tarde, cos pais dos alumnos de infantil, mentres que nos próximos días celebrarase outro encontro co resto de proxenitores para informar xa dos pormenores da distribución e a data exacta para retomar as clases.

Reunión

Na mañá de onte, o colexio acolleu outra reunión multitudinaria, que tiña como obxectivo comunicar aos pais a decisión da Xunta de reacoller aos nenos mentres se acometen as obras para reformar a estrutura, xa que o edificio adoece dun excesivo espazo entre alicerces, o que motivou a aparición de gretas e outros danos.

Á cita asistiron decenas de pais acompañados dos seus fillos; a presidenta da Anpa, Leocadia Préstamo; o alcalde de Sarria, José Antonio García; o concelleiro de educación, Francisco Pérez, profesores e membros da dirección do colexio. Durante o encontro, o rexedor sarrián recordou que o inmoble ten máis de 40 anos de antigüidade e que a súa estrutura sofre «comezo de agotamento», o que desencadeou gretas e o consecuente apontoamento de varias aulas e do patio inferior.

José Antonio García asegurou que as obras de reforma «vanse facer pola vía da urxencia para garantir unha estrutura nova para anos». «Os nenos non volverán a este centro ata que os obras estean totalmente rematadas e o nivel de seguridade do colexio sexa o dun edificio novo», sinalou. Aínda que os prazos aínda non están determinados, «é moi probable que neste curso xa non volvamos a este centro», engadiu o alcalde.

Pais

Pola súa banda, os pais mostráronse en xeral a favor do reacollo. Aínda que son conscientes de que carrexará inconvenientes, cren que é a opción máis adecuada ante o agrietamiento do edificio. «O meu fillo xa me dixera que había unha grieta na aula pola que se vía o día», explicou unha das nais, María Luisa Sánchez, quen se inquietou «al ver que os técnicos facían catas». Na súa opinión, «o cambio de colexio vai ser un trastorno e os nenos están preocupados, pero é o mellor porque non queremos que queden aquí nin que estean sen clase».

Pola súa banda, José Mendoza tamén entende que a recolocación é necesaria ao valorarse «unha opción de risco». Este pai dun alumno apostou pola «comprensión e unidade por parte de todos para solucionar o problema o antes posible», á vez que considerou conveniente incentivar estes días o estudo dos nenos nos fogares «para que non cheguen oxidados ao volver a clase».

Outra das nais, Begoña López, mostrouse «tranquila» unha vez coñecido o cambio de localización dos nenos e trasladou o desexo de que «as obras se fagan ben, para que o ano que vén estea o colexio totalmente arranxado», dixo. Esta proxenitora, que ten dous nenos escolarizados no centro, destacou tamén o labor do profesorado.

Neste mesmo aspecto incidiu a presidenta da asociación de pais e nais, que agradeceu publicamente «o labor dos mestres pola actuación do pasado luns», cando se produciu o desaloxo do colexio ao detectarse máis gretas.

Tras a reunión mantida na mañá de onte no colexio, os pais recolleron os libros dos seus respectivos fillos para levalos ás súas casas á espera do traslado aos outros centros educativos.

CONCELLEIRO
A Xunta reorganizará o transporte

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria levará a cabo unha reorganización das rutas de transporte escolar na zona de Sarria para garantir a prestación aos 374 alumnos do Frei Luís de Granada. Así o sinalou onte en declaracións a Europa Press o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, ao ser preguntado pola situación na que se atopa o centro tras a suspensión das clases para garantir a seguridade do alumnado e do persoal.

Segundo sinalou Vázquez Abad, «xa en meses anteriores» déronse «pasos» para actuar sobre o estado do edificio, pero « este fin de semana produciuse un aceleramiento» dos problemas. Así, «desde o primeiro momento» os técnicos acudíronse no centro para apontoar o inmoble e especialistas en estrutura acudiron durante a tarde do luns e o martes. Tamén se solicitou información a un numero maior de empresas externas especializadas, dixo.

Finalmente, Vázquez destacón a «celeridade» e a actuación «en tempo marca» da consellería para dar resposta e garantir a seguridade do alumnado e os docentes.

Obras

Paralelamente, técnicos da Xunta traballarán no centro no apontoamento das instalacións e acordouse a conveniencia de realizar unha actuación máis profunda ao longo dos próximos días, para determinar as reformas estruturais necesarias e, a continuación, redactar o proxecto técnico.

 __________________________________________________________________

«Trátase de arrimar todos o ombreiro e remar nun sentido», afirma o director

O director do colexio Frei Luís de Granada, Antón Soengas, sabe que por diante queda un intenso traballo -«imos traballar tamén a fin de semana»- para redeseñar a contrarreloxo a actividade educativa, polo que considera fundamental a coordinación para facer fronte aos problemas que vaian xurdindo. «Trátase de que todos arrimemos o ombreiro. Se todos remamos no mesmo sentido vai ser menos problemático», asegura. Neste sentido, agradece «a boa disposición» da dirección dos demais centros para ceder parte das súas aulas e dos pais, á vez que destaca a actitude «chapeau» do profesorado.

A secretaria do colexio, que interveu na reunión cos proxenitores, opinou tamén que «a adaptación ten que ser de todos, do alumnado e dos mestres». En resposta a preguntas dos pais, indicou que traballan para «dar toda a programación e garantir a calidade da educación». Ademais, recordou que en primaria a avaliación é «continua» e engadiu que os resultados académicos «non vanse ver afectados».

Pola súa banda, os profesores quixeron dar as grazas aos pais dos alumnos «polo recoñecemento á nosa laboura e o apoio destes días», dixo un portavoz.

 ________________________________________________

O comedor do colexio mantense en funcionamento salvo novidades

As autoridades educativas consideran como opción máis adecuada manter o funcionamento do comedor do colexio Frei Luís de Granada, aínda que a decisión está sen pechar de forma definitiva.

O comedor do centro ocupa unhas instalacións á marxe da zona na que se farán as obras. Trátase dun local dunha soa planta, polo que non soporta ningún peso engadido «e non está afectado polos desperfectos atopados na área na que se realizarán os traballos de mellora», sinalou a delegación territorial da Xunta.

Nestas instalacións sérvense cada día ao redor de 420 comidas, dado que non só son utilizadas polos alumnos matriculados no Ceip Frei Luís, senón tamén por decenas de nenos da Escola de Educación Infantil que reciben aquí o servizo de comedor.

Comentarios