O alcalde máis marchoso

Corría o ano 81 cando, en pleno boom das salas de festas e con tan só 22 tacos, Ignacio Codesido se animou con tres amigos a montar na localidade coruñesa de Touro un local de referencia, ao que chamaron Dona Dana. “Había un potencial de marcha moi forte e tiñamos ilusión, pero aínda así escapóusenos un pouco das mans. Acabamos empeñados; menos mal que logo arrincou moi ben”, relata o hostaleiro.

O curioso é que o fai no seu despacho do Concello de Touro, o que o converte no dono de discoteca máis atípico de Galicia, xa que desde o 89 compatibiliza a xestión da mítica sala de festas coa do seu municipio, que por certo ten unha importante fonte de ingresos na movida. E é que Dona Dana situou a Touro no mapa da marcha e, ao redor dela, xurdiron numerosos pubs e bares.

Atrás quedaron os 14 anos nos que a sala de festas acolleu a gravación do programa da TVG Luar, con Gayoso como o seu gran valedor publicitario. “Nós repuntamos, pero o programa tamén revolucionaba a hostalería e o comercio da vila, que cada venres acollía 600 persoas entre público e traballadores”, explica.

Tras unha época de baixón nas discotecas –pasou a levarse tomar copas arrimados a unha barra con ruído–, a Dona Dana recuperou todo o seu esplendor. “A xente volve divertirse saíndo a bailar”, celebra o tamén hostaleiro, que engade que “nós, que somos moi teimudos, seguimos apostando polas orquestras”.

Teimudo nos negocios e sen complexos na política. E é que Codesido, actualmente no PP, foi alcalde baixo as siglas do CDS, de Independientes de Touro e do PSOE, o que sen dúbida confirma o de que nas municipais a xente vota a persoa, e non o partido.

Ante a pregunta de se é máis difícil dirixir un concello ou unha discoteca, responde cun “depende”, se ben ten claro que o que máis lle gusta do primeiro é “axudar os veciños a solucionar os seus problemas”, mentres que no segundo se queda “co trato coa xente, ademais de que me gusta vela divertíndose sanamente”.

Na discoteca, queixas veciñais
Tras traballar de día como alcalde, Ignacio Codesido –por certo, traballador de Caixa Galicia en excedencia– non pasa unha fin de semana sen ir á súa sala de festas. “Estou de relacións públicas e por se fai falta algo polo lado de fóra da barra, aínda que se hai que botar unha man dentro tamén se bota”, afirma.

Iso si, malia que o sábado noite pon o traxe de hostaleiro, hai a quen non se lle esquece que tamén é o alcalde, polo que “sempre hai o típico veciño que me solta aquilo de xa que te vexo aquí... que saibas que non me aluma a farola”, admite. Iso si, dado que non é hora nin lugar para abordar ese tipo de cuestións, Codesido explica entre risas que se fai “o tolo e dígolle que me chame o luns pola mañá”. En todo caso, como rexedor tivo que lidar máis dunha vez coas habituais queixas veciñais polos ruídos da marcha, algo que sempre levou a bo fin “porque nós fomos sensatos e os veciños, tolerantes, porque saben que é por traballo”.

Á marxe das anécdotas propias de compaxinar dúas facetas tan dispares, algo que o alcalde de Touro asegura que nunca lle supuxo ningún problema, os 29 anos de Dona Dana tamén deixaron historias do máis curiosas. Sen ir máis lonxe, este ano a sala sorteou dous vales de 6.000 euros que, casualidades da vida, lle tocaron á mesma persoa, “un mozo de Santiago que vén moito porque ten familia aquí en Touro”. Non foi o único que repetiu sorte, xa que houbo outras dúas persoas “ás que lle tocaron dous coches nun intervalo de varios anos”, conclúe o alcalde-hostaleiro.

Comentarios