O alcalde de Palas recorrerá a súa condena por acoso ante o Supremo

Pablo Taboada precisou que se atopa á espera dunha aclaración sobre a sentenza e que, cando reciba a resposta, impugnaraa ante o alto tribunal

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, anunciou que recorrerá ante o Tribunal Supremo o fallo da Audiencia de Lugo que o condena a un ano e medio de prisión e nove de inhabilitación por un delito de acoso á secretaria municipal, así como por outro delito de prevaricación. O pasado 20 de xullo, o tribunal provincial condenou ao rexedor e ao seu predecesor no cargo, Fernando Pensado, ao considerar probado que Celia González Vázquez sufriu acoso laboral desde a súa designación como secretaria municipal en 2007 por parte dun grupo de concelleiros do PP.

Estas presións, que incluían insultos e outro tipo de comportamentos que desacreditaban a Celia González, iniciáronse durante o mandato de Fernando Pensado, un comportamento que se mantivo cando Pablo Taboada accedeu ao cargo de primeiro edil en 2011. Este luns, Taboada precisou que aínda está "á espera da notificación oficial porque houbo unha solicitude de aclaración dalgún punto da sentenza".  "Imaxínome que a recibiremos (esa aclaración sobre o fallo xudicial), o mes de agosto xuridicamente falando creo que é 'inhábil' entón temos de prazo todo o mes de setembro ou parte de setembro e a idea é recorrela ao Tribunal Supremo en casación", avanzou.

ABANDONOU O PP. O alcalde de Palas de Rei aproveitou para constatar que, no concello, "o día a día é similar ao que viña facendo", á vez que recordou que no seu día, tanto el como Pensado e tres concelleiros máis, abandonaron "o grupo popular" para facer fronte ao xuízo, que se celebrou en xuño na Audiencia de Lugo. Os cinco pasaron ao grupo "mixto" de non adscritos e a pesar diso "o traballo non variou moito", segundo afirmou. "Estes días estamos a seguir coa mesma liña de traballo", insistiu.

O grupo do alcalde de Palas, de cinco concelleiros non adscritos, goberna ademais con dous edís do PP, partido polo que concorreron ás municipais de 2015.

Comentarios