O alcalde de Palas confirma que recorrerá a súa condena ante o Supremo

Tras analizar cos seus avogados a sentenza que o inhabilita durante nove anos, presentará recurso de casación ante o alto tribunal

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, confirmou que, logo de analizar cos seus avogados os termos da sentenza da Audiencia Provincial de Lugo que o inhabilita para exercer como cargo electo durante nove anos, presentará recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

En calquera caso, o rexedor local precisou que a sentenza aínda non lle foi notificada de forma oficial, polo que terá que esperar á súa recepción para que se abra o prazo legal para formular ese recurso ante o Supremo.

No seu momento, cando o 20 de xullo se fixo pública a sentenza, o rexedor de Palas de Rei cualificou a resolución xudicial como "completamente desmesurada", ademais de asegurar que o seu "sentimento de inocencia é pleno". "Non esperabamos esta sentenza. Nada máis lonxe da miña imaxinación, pero a Xustiza é así. O respecto, pero non a comparto", dixo entón Taboada.

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou ao alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, así como ao seu predecesor no cargo, Fernando Pensado, e a catro membros da corporación local no momento dos feitos xulgados a nove, oito e sete anos de inhabilitación, respectivamente, para desempeñar calquera cargo electo na administración local, polo delito de prevaricación.

Así mesmo, condenou a quince meses de prisión ao rexedor local e ao ex alcalde polos delitos de acoso laboral á secretaria municipal do Concello de Palas de Rei, e a penas que suman 27 meses de cárcere a tres funcionarios municipais polo mesmo motivo.

O actual alcalde e o seu antecesor no cargo sentaron no banco dos acusados da Audiencia Provincial nun xuízo que comezou o pasado 13 de xuño e prolongouse durante unha semana. Xunto a eles, compareceron como acusadas outras nove persoas -entre concelleiros e funcionarios-, para responder polos supostos delitos de prevaricación e acoso no traballo, por mor da denuncia que interpuxo contra eles a secretaria municipal, Celia González.

O ministerio fiscal acusaba a ambos os alcaldes, ao actual e ao seu antecesor, dun delito continuado de prevaricación, polo que lles pedía unha pena de dez anos de inhabilitación para cargo público e unha multa de 3.600 euros; e dun delito de acoso no traballo, polo que solicitaba para cada un deles unha condena de dous anos de prisión.

Comentarios