O 94% dos positivos por alcoholemia en Lugo son homes

A maioría teñen unha idade comprendida entre os 45 e os 54 anos

O 94% dos 128 resultados positivos detectados nos controis de alcoholemia que realizou a Garda Civil de Tráfico na provincia de Lugo durante o mes de outubro correspóndese con condutores homes, a maioría -un 25,60%- con idades comprendidas entre os 45 e os 54 anos.

O Subsector de Tráfico da Garda Civil realizou durante o pasado mes de outubro un total de 18.890 probas de alcol e 83 de drogas en estradas da provincia de Lugo.

Dese total, 254 controis foron practicados despois de que os condutores se viran implicados en accidentes de circulación, con tan só 4 positivos neste caso.

Dos positivos por exceso de alcol, 17 foron investigados como supostos autores de delitos contra a seguridade viaria, mentres que os 111 restantes foron propostos para unha sanción administrativa por parte da Xefatura Provincial de Tráfico.

Comentarios