Os EE UU despregarán 600 militares en Polonia e os países bálticos

Os Estados Unidos despregarán 600 militares en Polonia e os países bálticos para reforzar o seu compromiso cos seus aliados da OTAN e como consecuencia das tensións persistentes entre Ucraína e Rusia, informou hoxe o Pentágono.

"A agresión de Rusia en Ucraína renovou a nosa determinación de fortalecer os plans e as capacidades de defensa da OTAN, e para demostrar o noso continuo compromiso coa defensa colectiva, reforzaremos os nosos aliados da OTAN en Europa Central e Oriental", dixo en rolda de prensa o contraalmirante John Kirby, portavoz do Departamento de Defensa.

Unha compañía de 150 soldados da 173ª Brigada Aerotransportada do Exército dos EE UU, con base en Italia, chegará a Polonia mañá e uns 450 soldados farano a Estonia, Lituania e Letonia entre o fin de semana e o luns como parte dunha nova serie de exercicios "que terán lugar nos próximos meses e en diante", concretou.

O portavoz non especificou canto tempo estarán despregadas esas tropas, aínda que si puido confirmar que xa están previstas varias rotacións e que polo menos estarán sobre o terreo ata finais de ano.

Kirby reiterou ademais que se trata de movementos bilaterais entre os Estados Unidos e cada país en cuestión, e non dun movemento orquestrado desde a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Preguntado pola mensaxe que os Estados Unidos quere enviar a Moscova con este movemento de tropas, o portavoz do Pentágono respondeu que "é unha representación tanxible" do compromiso estadounidense coas súas "obrigacións de seguridade en Europa". "A mensaxe para a xente deses países é que nós nos tomamos a alianza en serio. E animamos os nosos socios da OTAN a buscar igualmente oportunidades para facer o mesmo tipo de cousas polos demais. Se hai unha mensaxe a Moscova, é exactamente o mesmo, que tomamos moi en serio as nosas obrigacións en Europa", agregou.

Comentarios