Educar a partir do deporte

Ganadores de la Liga de billarda (Foto: AMA)
photo_camera Ganadores de la Liga de billarda (Foto: AMA)

A importancia das escolas deportivas na educación dos pequenos é innegable. Ademais de divertirse e elixir o xogo que máis lles gusta, os nenos poden mellorar a súa capacidade de socialización a través destas iniciativas, e tamén progresar no coñecemento do seu corpo. Alfoz, Cervo e O Valadouro clausuraron a tempada un ano máis e con ela o seu vital labor.

No Valadouro celebraron o colofón ao curso cunha exhibición de patinaxe artística a cargo dos alumnos e alumnas da sección, e cun partido amigable que permitiu comprobar o talento do equipo de alevíns da escola deportiva valadourense e do ED Alfoz. A continuación, presentouse a memoria do traballo durante a campaña 2012-2013, e fíxose entrega dun obsequio a cada un dos alumnos, cun aperitivo final para departir e festexar o realizado.

En Cervo puxeron punto e final á tempada permitindo gozar aos pequenos de xogos nos inchables. A continuación, houbo unha exhibición de patinaxe artística. Posteriormente, entregouse unha medalla e un diploma a cada un dos participantes, así como da revista conmemorativa do curso. Desde outubro ata maio, unhas 200 persoas, entre nenos e adultos, participaron nas escolas deportivas cervenses, practicando un total de dez disciplinas diferentes, cifras que satisfán ao goberno local.

En Alfoz non quixeron ser menos e pecharon o concurso cunha exhibición de patinaxe artísitco, un obsequio para cada neno e unha merenda.

TALENTOS A FAVOR DA ECOLOXÍA
Cervo e Lourenzá festexan o Día do Medio Ambiente con concursos fotográficos

A Creatividade e o talento son o mellor xeito de pór de relevo problemáticas do mundo actual. Así pensan en Lourenzá e Cervo, cuxos gobernos locais impulsaron para festexar o Día do Medio Ambiente, celebrado onte, senllos concursos fotográficos.

O xurado do certame organizado polo Concello de Lourenzá decidiu onte os gañadores. Na categoría de terceiro ciclo de Primaria o primeiro premio foi para Iván García e o segundo para Ana Baña; en canto aos estudantes de ESO, os premiados foron Codés Lillo, Ana Losada e Melba Paz. Finalmente, no concurso para mozos do Bacharelato, o vencedor foi María Regal.

As 77 fotografías do concurso poderán verse no Concello desde mañá ata o día 14, e os premios entregaranse o día 11 ás 20.00 horas. No mesmo acto, o investigador Miguel Delibes de Castro ofrecerá unha charla sobre por que conservar a natureza.

Ao certame Cervo Respecta concorreron 18 participantes e 52 fotos. Miguel Baltar gañou o primeiro premio e o Top Cervo co ‘intruso', e Juan Fernández o de adultos con 'Presa dos lodos vermellos'.

Daniel, Reyes e Furabolos, gañadores do play off final da liga de billarda

O campo de Marrozos, en Santiago de Compostela, acolleu unha nova edición do play off final da liga galega de billarda. Os mellores especialistas de toda a comunidade acudiron á capital de Galicia para participar nas eliminatorias polo trofeo. Na categoría feminina, Reyes repetiu cordón tras superar na final a Chefa. Na categoría masculina, Daniel alzouse co título de Coroceiro tras derrotar a Ginés. Na competición por equipos, Furabolos levou o gato á auga. 

Comentarios