Educación tacha de ''fascista'' o boicot a Feijóo na USC, o BNG cre que o Goberno galego necesita ''talante democrático''

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, tachou de ''fascista" a protesta bosquexada por un centenar de estudantes que este xoves boicotearon un acto do presidente da Xunta, que debía inaugurar en Santiago a XV Conferencia de Decanos e Directores de Matemáticas.

"Fraco favor fíxoselle á Universidade, a unha magnífica universidade e a unha facultade que está no top ten español e incluso de fóra de España", subliñou este representante autonómico ao ser preguntado por estes feitos con motivo da súa visita hoxe ao festival de música Womex no Monte Gaiás. "O que puidemos ver foi un acto totalitarista e fascista, e creo que a propia universidade teno que condenar. Non se lle pode permitir a ninguén. Se falamos de que a universidade é o centro do saber, o centro da palabra... onte puidemos comprobar precisamente o contrario, cuns argumentos nos que non vou entrar", manifestou.

Vázquez Abad remarcou o seu "rexeitamento total" e esperou que o resto de partidos e a propia universidade emitan un comunicado de condena.

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, reclamou á Xunta talante "democrático" para aceptar as protestas dos colectivos que "sofren" as consecuencias das "nefastas" políticas levadas a cabo polo Goberno Feijóo."Un goberno ten que ter o mínimo talante democrático para aceptar as protestas", respondeu o dirixente nacionalista en rolda de prensa a preguntas dos informadores sobre as declaracións do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad.

Deste xeito, Vence considerou "curioso" o uso do fascismo por parte da Xunta, posto que a súa resistencia a condenalo quere dicir que "non entenden" que é o fascismo. Ademais, o portavoz do Bloque censurou que desde o Goberno popular non se entenda a postura da xente, que está "indignada" coas súas políticas e que ten "dereito a expresalo abertamente", xa que doutra forma nunca son atendidas as "reclamacións" de colectivos como o estudantil.

Comentarios