Educación rexeita a cesión de aulas do instituto Vilar Ponte á María Sarmiento

Instituto Vilar Ponte de Viveiro (Foto: Antía)
photo_camera Instituto Vilar Ponte de Viveiro (Foto: Antía)

A dirección do Instituto de Educación Secundaria (IES) Vilar Ponte de Viveiro mantivo un encontro co xefe territorial de Educación, José Jesús Ramos Ledo, respecto da solicitude de ampliación exposta desde o IES María Sarmiento -seis aulas no lugar máis próximo posible ao centro ou ben a construción das mesmas no recinto dese instituto-, dado que a publicación desa proposta suscitou polémica entre a comunidade educativa. Educación rexeita a cesión de aulas do Vilar Ponte á María Sarmiento ao entender que ambos ten suficiente espazo para atender aos alumnos matriculados.

José Ramos Ledo asegurou de xeito «taxativo» que non existe ningún motivo obxectivo para a cesión de ningún espazo dun centro a outro, porque as instalacións de ambos son suficientes. Neste sentido, a dirección do Vilar Ponte, que encabeza Marcelino García Suárez, indica que o centro ten as aulas ocupadas na súa totalidade.

Pola súa banda, Educación recalca que os equipos directivos teñen entre as súas funcións o aproveitamento correcto das dotacións. Ademais, o xefe territorial incide en que os centros educativos só poden impartir as liñas educativas que teñen asignadas e que «non existe ningunha previsión actual ou futura de modificalo status de cada instituto, polo que seguirán ofertando eses servizos tal e como o veñen facendo ata o momento», subliña Ramos, quen reitera que os equipos directivos «deberán traballar coa previsión necesaria» para non exceder os criterios establecidos.

A reunión entre o responsable lucense da consellería e a directiva do Vilar Ponte, en cuxa representación acudiron o director, Marcelino García, e o secretario, Javier Illán, contou así mesmo coa presenza do presidente da asociación de nais e pais de alumnos (Anpa), Jesús Rodríguez, e co inspector do centro, Jaime Santoalla. No encontro abordáronse tamén o transporte escolar, o comedor e a repartición do alumnado xitano e emigrante.

Outras demandas

Adaptarán as liñas de autobús escolar á realidade

A Consellería de Educación accedeu a adaptar as liñas de autobús escolar á realidade poboacional para que ningún alumno sexa discriminado por estar matriculado nun centro ou outro. Así, o Vilar Ponte solicitou a creación dunha nova parada en Xunqueira para evitar que os estudantes deban desprazarse ata o Gadis de Magazos.

Distribución

O Equipo de Orientación Específica da Delegación Territorial da Xunta decidirá á hora de repartir aos alumnos entre os institutos se se producen discrepancias sobre o máis conveniente para os mozos.

Comedor

O uso compartido do comedor e o transporte tamén se tratou porque hai alumnos de Ourol que queren matricularse no Vilar Ponte para o próximo curso.

Comentarios