Educación investirá 467.000 euros na mellora do Ceip Lagostelle

Balseiro anunciou na súa visita ao colexio de Guitiriz que a Xunta está a redactar o proxecto técnico para iniciar as obras este verán
Balseiro, con responsables políticos de Guitiriz y del centro educativo
photo_camera Balseiro, con responsables políticos de Guitiriz y del centro educativo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá ao redor de 467.000 euros na mellora enerxética do Ceip Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, anunciou na súa visita este mércores ao centro educativo que a Xunta xa está a realizar o proxecto técnico coa previsión de licitar as obras entre abril e maio para comezar os traballos este verán. 

Balseiro, que realizou a visita acompañado por responsables políticos de Guitiriz, así como con parte do equipo directivo do centro, explicou que as obras supoñen unha reforma "ambiciosa", que reportarán maior confortabilidad aos escolares e a todos os usuarios, así como unha redución considerable dos custos de mantemento. 

Esta actuación en Guitiriz súmase á anunciada onte para o CPI Virxe do Monte de Cospeito, e ás xa realizadas no Ceip Rosalía de Castro de Lugo e o CPI Luís Díaz Moreno de Baralla. En total, estas catro iniciativas suman un orzamento de preto de dous millóns de euros na provincia. "A Xunta quere fomentar o uso racional da enerxía e predica co exemplo, impulsando a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos seus propios centros", expresou Balseiro, que engadiu que as medidas de eficiencia enerxética "teñen consecuencia directa no benestar dos usuarios e no aforro en gastos correntes, pero ademais, dende unha perspectiva máis ampla, é indispensable avanzar neste camiño cara a un desenvolvemento sostible". 

A actuación, cofinanciada con fondos Feder, inclúe o illamento da fachada e o pintado exterior, novas fiestras e iluminación

OBRAS. A actuación no Ceip Lagostelle, cofinanciada con fondos Feder, afectará a gran parte do inmoble. Unha das principais intervencións consistirá en instalar un sistema de illamento térmico na fachada e en todos os paramentos exteriores e procederase ao cambio total das ventás. 

Procederase, ademais, ao pintado exterior de todo o inmoble e á substitución de todas as luminarias, que se cambiarán por equipos de alta eficiencia enerxética, con detectores de presenza nas zonas comúns. Ademais, substituiranse os falsos teitos por placas con características acústicas adecuadas, e realizarase a reparación e pintado de paramentos interiores. 

O director do colexio, Domingo Lodeiro, fixo fincapé en que esta actuación é unha obra necesaria nun centro que suma máis de catro décadas e no que actualmente están a estudar máis de 200 alumnos. Na visita, acompañaron a Balseiro os edís José Manuel Saa e Laura Ageitos, que agradeceu o investimento e desculpou á alcaldesa, Regina Polín, por non poder asistir debido a un compromiso previo. Ademais, destacou que este tipo de actuación encaixa na política de sustentabilidade que defende o Concello de Guitiriz. 

Tamén asistiron ao acto os edís do grupo municipal do PP Xosé María Teixido e Marita Carballeira, ademais de técnicos de Educación, a xefa territorial e a parlamentaria popular Sandra Vázquez.

Comentarios