Duras críticas a Charlie Hebdo pola súa portada sobre o atentado de Barcelona

O semanario francés, que sufriu en 2015 un ataque yihadista, é acusado de "islamófobo" e racista

O semanario satírico francés Charlie Hebdo foi obxecto este mércores de duras críticas pola súa portada sobre o atentado de La Rambla de Barcelona da semana pasada ó considerar que presenta unha asociación entre musulmáns e terroristas.

Unha das opinións contrarias foi a de Stéphane Lle Foll, exministro socialista e exportavoz do Goberno do anterior presidente, François Hollande, que ao ser preguntado por esa portada nunha entrevista radiotelevisada por RMC e BFMTV mostrou a súa contrariedade pola ilustración do debuxante Juin.

"As amálgamas son moi perigosas. Dicir que o islam é unha relixión de paz dando a entender, de feito, que é unha relixión de morte resulta extremadamente perigoso", sinalou Lle Foll.

Moito máis duras foron algunhas das reaccións que se podían ler nas redes sociais, onde se acusaba a aposta da publicación de "islamófoba" ou "racista".

Na portada pódense ver dúas persoas no chan con manchas de sangue e unha furgoneta que as atropelou, que recorda o ocorrido en La Rambla, coa mensaxe: "Islam relixión de paz... eterna".

Tamén sobre o ataque terrorista da capital catalá avanza un dos seus contidos de páxinas interiores sinalando "Barcelona: turismo ou islamismo por que elixir?".

Charlie Hebdo suscita con frecuencia críticas e incluso ataques polo seu humor acedo, e iso ocorreu varias veces pola súa posición sobre o islam e o terrorismo.

O 7 de xaneiro de 2015, a súa redacción foi obxecto dun atentado yihadista no que foron asasinadas doce persoas, e que marcou un punto de inflexión nos ataques do integrismo islámico en Europa.

Comentarios