Dúas finlandesas aprenden técnicas de alicatado a través do Politécnico

Liisa Silla e Jonna Makynen, alumnas de Construción, realizan unha estancia de prácticas dun mes nunha empresa lucense

Liisa Silla e Jonna Makynen viven e estudan en Seinäjoki, en Finlandia, e pasarán varias semanas en Lugo para aprender técnicas construtivas nunha empresa lucense, xestionadas a través do centro integrado de FP Politécnico. No ciclo formativo que cursan no seu país, as mulleres supoñen a terceira parte do alumnado; mentres que no ciclo de FP dual de Construción que ten en marcha o Politécnico só fórmanse homes. «En Finlandia, nos últimos dez anos cada vez máis mulleres traballan na construción, antes non había ningunha», di Liisa. «As mulleres podemos facer o mesmo que os homes», remarca, e hoxe en día pódense atopar tanto pondo ladrillos como dirixindo a obra.

Para as dúas alumnas finlandesas esta é a súa primeira estancia en España. Decidíronse por este país por varias razóns, entre elas o bo tempo e as diferentes técnicas construtivas con respecto ás que se usan no seu país. «Alí utilizamos sobre todo madeira, en todas as etapas construtivas, pero aquí úsase máis o cemento e o alicatado», explica Liisa. é precisamente esta técnica, xunto coa colocación de pladur e de chan laminado, o que veñen aprender á empresa Construnorte onde, din, recibíronas moi ben. «O único problema é que pouca xente fala inglés e temos que comunicarnos sobre todo por xestos», aclaran.

En Finlandia, explica, o alicatado utilízase unicamente nos baños e un pouco nas cociñas, pero só entre a encimera e os mobles, polo que lles chama a atención o costume español de cubrir todas as paredes con azulexos.

Aínda que veñen especializarse nestas técnicas construtivas, a formación que adquiren no seu país capacítaas para traballar en todas as fases da obra, desde a realización do forxado á colocación de ladrillos ou de azulexos.

O Politécnico ten en marcha un plan de igualdade que busca a incorporación de mulleres e homes nos ámbitos profesionais nos que están infrarrepresentados e que está a levar a cabo Coeduc@, a primeira consultora de coeducación de Galicia, creada en Lugo.

Comentarios