Dous dos destrutores que bombardearon Siria teñen base en Rota

Íñigo Méndez de Vigo confirmou que España foi informada despois do ataque por EE UU
Íñigo Méndez de Vigo
photo_camera Íñigo Méndez de Vigo

O portavoz do Goberno, Íñigo Méndez de Vigo, explicou este venres que España foi informada Do bombardeo de Estados Unidos a unha base aérea siria despois de que este ocorrese, do mesmo xeito que se fixo co resto dos países aliados da OTAN.

Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, Méndez de Vigo confirmou ademais que os dous destrutores (USS Ross e USS Perot) que bombardearon a base militar siria tiñan base en Rota (Cádiz) pero destacou que "estaban hai días patrullando fronte ás costas israelís" antes de que se producise o ataque con armas químicas por parte do exército sirio.

O portavoz do Goberno español recordou que o secretario de Defensa de Estados Unidos, James Mattis, informou o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, antes de que se producise o bombardeo da base aérea siria de Shayrat, na cidade de Homs.


Íñigo Méndez de Vigo: "Gustaríanos que fose a ONU a que atopase o xeito de desbloquear a situación"


Tamén dixo que os embaixadores de Estados Unidos advertiron a nivel bilateral aos gobernos daqueles países aliados que operan sobre o terreo, que non é o caso de España. Despois do ataque, continuou o portavoz, Estados Unidos remitiu unha carta aos países aliados da OTAN, tamén a España, dando conta do ataque.

Méndez de Vigo leu na rolda de prensa o comunicado que fixo público esta mañá o Goberno español considerando que o bombardeo de Estados Unidos contra unha base militar en Siria "é unha resposta medida e proporcionada" á utilización polo exército sirio de armas químicas.

Destacou que o comunicado do Executivo vai en liña aos emitidos por Francia, Alemaña, Reino Unido, Xapón ou Australia. "Somos socios leais e cremos que o sucedido é unha operación limitada en obxectivos e medios contra unha base militar, de onde partiron eses ataques con armas químicas. Ten o noso apoio e lealdade", insistiu o portavoz do Goberno.

Volveu a recordar que o uso de arma químicas está prohibido polo dereito internacional e é un crime de guerra e que xa que logo nas circunstancias actuais, o Goberno apoia ese ataque.

Respecto ao papel que debe desenvolver o presidente sirio, Bachar Al Asad, no proceso cara á paz, Méndez de Vigo explicou que deben ser as resolucións da ONU a través dun proceso político de transición as que contribúan a buscar unha fórmula para traer a paz a Siria e garantir a súa integridade territorial.

Comentarios