A Deputación curta catro meses unha estrada pola obra da A-8

A Deputación de Lugo procedeu a cortar un tramo da estrada provincial de Gontán a Abadín, neste municipio da Terra Chá para permitir as obras da autovía do Cantábrico (A-8).

Este tramo de dous quilómetro permanecerá cortado ao tráfico durante os próximos catro meses, segundo informou a propia deputación a través dunha nota de prensa.

Esta medida foi solicitada ao ente provincial, titular da estrada, pola Unión Temporal de Empresas Obras, Camiños e Asfaltos, S.L. e Extraco, Construcións e Proxectos, S.A para realizar os traballos de construción da autovía entre Abadín e Carreira.

A UTE calculcó que precisará de catro meses para construír un paso elevado nese punto. Ademais executarase un paso alternativo para o tránsito de vehículos agrícolas.

Os usuarios desta estrada, cunha alta densidade de tráfico sobre todo no verán, disporán dun traxecto alternativo a través da estrada municipal Gontán-Campo dous Regos. O desvío da circulación está "debidamente sinalado" para cumprir así coa normativa vixente. A Deputación pediu desculpas polas "molestias" que poidan ocasionar estes traballos.

Comentarios