Dous homes afrontan cárcere por burlas cara a unha muller con vestimenta árabe

Dous irmáns con iniciais T.F.C. e A.M.F.C., de nacionalidade portuguesa, enfróntanse a sendas penas de seis meses de prisión por burlarse dunha muller de orixe marroquí que lucía un pano na súa cabeza, e tamén por agredir ao seu marido, que lles recriminou a súa actitude.

Tal e como se recolle no escrito de acusación do ministerio fiscal, os feitos ocorreron sobre as cinco e media da tarde do 2 de xullo de 2008, cando os acusados accederon ao interior dun supermercado situado na avenida Arcadio Pardiñas da localidade de Burela.

Unha vez dentro do establecemento, os dous irmáns achegáronse a unha muller de orixe marroquí que levaba a vestimenta típica do seu país -que tan só deixaba ao descuberto o seu rostro- e comezaron a rirse e a facerlle burla.

O ministerio público explica que, ante a conduta dos dous homes, o marido da muller achegouse a eles e pediulles que cesasen na «súa actitude irrespetuosa». Nese momento, os acusados comezaron a golpear ao home en presenza da súa esposa e tamén da caixeira do propio establecemento. Finalmente, a vítima sufriu varios golpes na cabeza e como consecuencia tivo que recibir catro puntos de sutura nunha cella.

Sen sentenza 

A vista oral por estes feitos foi aprazada onte no xulgado do Penal número 1 de Lugo ao non presentarse nin os acusados, nin as testemuñas, nin a vítima. Segundo explicaron na sala, o agredido non puido acudir ao xuízo porque se atopa embarcado, mentres que un dos acusados non foi citado da forma debida. Polo tanto haberá que esperar a unha nova citación para que se celebre a vista.

Comentarios