Dous feridos nunha pelexa entre afeccionados do Deportivo e o Zaragoza

Unha pelexa entre afeccionados do Deportivo e o Zaragoza que se produciu cara ás dúas da tarde deste sábado nun bar da Coruña saldouse con dous feridos e importantes danos no local.

Fontes da Policía Nacional consultadas por Efe explicaron que entre 25 e 30 seguidores do conxunto zaragozano, que esta tarde se enfrontará ao Deportivo no estadio de Riazor, atopábanse no bar O Pescador, no centro da cidade galega, cando foron abordados por entre 70 e 80 afeccionados deportivistas.

A intervención das forzas da orde, tanto Policía Local como Nacional, disuadiu maiores enfrontamentos.

Con todo, produciuse algún choque no que os radicais atacaron con bates.

Como consecuencia deles, dúas persoas necesitaron asistencia médica, unha das cales requiriu de hospitalización ao necesitar puntos de sutura.

Segundo o xerente do local, que non foi testemuña directa dos feitos pero tivo constancia deles posteriormente, os seguidores do Zaragoza estaban "tranquilamente" bebendo e tomando tapas cando se presentaron os afeccionados do Deportivo ao parecer "con bates e tubaxes" e, no enfrontamento, esnaquizaron a entrada do local.

"Parece que viñan encapuchados, romperon un proxector, lámpadas, mesas, cadeiras... Ata trouxeron bengalas. Menos mal que non foi a máis, que só foron uns instantes e que só houbo dous feridos", apuntou a Efe.

Comentarios