500 siluetas polos 500 nenos mortos en dous anos

Dous anos sen Aylan: unha imaxe que conmoveu o mundo sen que servira para nada

O neno sirio achado morto nunha praia de Turquía cando a súa familia fuxía da guerra de Siria converteuse nunha icona ► O mundo escandalizouse ante o drama dos refuxiados pero, cambiou algo? ► En dous anos, polo menos 8.500 refuxiados e inmigrantes indocumentados faleceron ou desapareceron cando intentaban cruzar o Mediterráneo ► Medio milleiro deles eran nenos

Dous anos despois da morte de Alan Kurdi, o neno sirio de 3 anos coñecido como Aylan que foi atopado morto nunha praia de Turquía cando a súa familia fuxía da guerra de Siria, Acnur pide aos países medidas urxentes para evitar máis traxedias como esta. "A pesar de que o número de chegadas a Europa diminuíu drasticamente desde a morte de Alan, as persoas seguen intentando cruzar (o Mediterráneo) e moitos perderon as súas vidas no traxecto", sinalou ACNUR nun comunicado.

Desde o 2 de setembro de 2015, data na que Alan foi achado afogado nunha praia turca, polo menos 8.500 refuxiados e inmigrantes indocumentados faleceron ou desaparecido cando intentaban cruzar o Mediterráneo, explican desde ACNUR. Moitas persoas máis morreron no deserto cando intentaban chegar ao Iemen, por exemplo para chegar desde ese país a Italia.


En dous anos, polo menos 8.500 refuxiados e inmigrantes indocumentados faleceron ou desaparecido cando intentaban cruzar o Mediterráneo


A axencia da Onu recalcou que moitos dos nenos que tratan de chegar a terras europeas viaxan sos. Foi o caso do 92 % dos 13.700 nenos que chegaron a Italia por mar nos primeiros sete meses do ano, sinalan. "A necesidade urxente de que haxa solucións para estes infantes e outros que se desprazan continúa. Se a xente non ten esperanza e vive con medo, seguirán pondo as súas vidas en risco para iniciar viaxes desesperadas" cara a unha vida mellor, recalcou Acnur.

Comentarios