Doble encontro literario en Lugo

Dous escritores lugueses participaron en cadanseu acto público este xoves na cidade de Lugo. Así, a mindoniense Marina Mayoral mantivo un encontro cos integrantes do club de lectura do Círculo das Artes, mentres que o cospeitense Xesús Rábade Paredes presentou o seu último traballo, 'Sobre as ruinas' (Alvarellos), no Museo Interactivo da Historia de Lugo (Mihl).

Marina Mayoral asumiu que os encontros cos lectores son sempre un risco para os autores, debido a que aqueles que admiran a artista poidan quedar "decepcionados coa persoa". Os alumnos do club de lectura analizaron as súas obras 'Querida amiga' e 'Dar la vida y el alma', e sobre a primeira a autora desvelou que está inspirada na vida dunha muller de orixe moi modesta que chegou a artellar unha grande fortuna.

Rábade Paredes non dubidou en manifestar a súa disconformidade co xeito no que se celebran as Letras Galegas. Considera o autor de Cospeito que "o que importa non é o poeta, senón os amigos do poeta". Referíndose ao homenaxeado deste ano, Xosé María Díaz Castro, non criticou que fose o elixido —"porque as merecía"—, pero reclama "unha lectura con máis profundidade", que quedou agochada "pola parafernalia áurica e académica".

Comentarios