Día para a diversión en Burela

MAR2910P16F3.JPG
photo_camera MAR2910P16F3.JPG

O COMERCIO de Burela estivo onte de festa. A Federación Galega de Comercio organizou unha festa para pór fin á súa campaña ‘As compras na túa vila teñen premio' na que se deron cita zancudos, malabaristas, meigos e cantantes e que congregou a gran cantidade de público. Así, as rúas do centro estiveron animadas ao longo de todo o día e xa pola tarde Rei Midas coa súa maxia e a cantante viguesa Mariana coa súa música puxeron a nota de diversión na carpa instalada na Praza da Mariña para albergar o sorteo que se celebrou a última hora. A federación galega sorteou 3.000 euros en cartóns regalo de 300 e 100 entre os clientes do comercio burelense que levasen os seus billetes de compra ata unha carpa situada na Praza do Concello desde o pasado día 17. O obxectivo desta iniciativa, que rota polas distintas localidades galegas, é fomentar o consumo nos establecementos pequenos.

XORNADAS SOBRE SAúDE EN FOZ. O Concello de Foz, a través da Oficina Municipal de Información ó Consumidor (Omix) e en colaboración co Hospital da Costa, celebra un ano máis as súas charlas médicas todos os xoves de novembro, ás 20.00 horas, na casa da cultura. A programación deste ano foi presentada onte polo alcalde focense, Javier Castiñeira e o xerente do hospital, José Insua. O primeiro relatorio, o día 3, versará sobre a dor torácica e as seguintes sobre o cancro de colón (o día 10), a hipertensión arterial (o día 17), e as cefaleas (o día 24). Todas serán impartidas por médicos do hospital.

O VICEDO XA PREPARA O DESFILE DO SAMAÍN. Os nenos do Vicedo participan nos talleres para preparar o desfile de Samaín, que terá lugar polas rúas da localidade o vindeiro luns, a partir das 19.30 horas. A comitiva partirá da casa da cultura. Os obradoiros finalizarán hoxe e as cabazas quedarán preparadas, con ollos e nariz, e dispostas para acoller a luz que lles dea vida. Quen desexen participar no desfile do luns deberán vestirse de branco e ao final poderán saborear as castañas que se asarán durante un magosto.

Comentarios