Detido un porteiro dun pub de Lugo por unha suposta agresión

A vítima é un mozo de 20 anos que tivo que recibir varios puntos de sutura ► O local, en Ramón Cabanillas, acumula queixas polo horario de peche

O porteiro dun pub situado na rúa Ramón Cabanillas -que amontoa varias queixas veciñais por desordes públicas provocados pola súa clientela- foi detido este domingo pola Policía Nacional porque presuntamente agrediu a un cliente do establecemento. O home, tras prestar declaración no xulgado, quedou en liberdade.

O altercado tivo lugar pouco antes das oito da mañá do domingo. Ao parecer, a agresión produciuse cando o porteiro expulsou ao mozo do establecemento. Tras isto, a vítima trasladouse ás dependencias policiais da rúa Chantada para denunciar o sucedido, o que motivou a posterior detención do porteiro do pub.

A vítima, un mozo duns 20 anos, requiriu asistencia médica e tivo que recibir varios puntos de sutura nun pómulo debido á ferida sufrida, no transcurso da suposta agresión.

Este pub é, desde hai anos, un foco continuo de queixas veciñais debido ao seu horario de peche e aos incidentes protagonizados, na maioría dos casos, polos clientes.

Comentarios