Detido un lucense por roubar a octoxenarios facéndose pasar por revisor do gas

O mozo actuou polo menos en cinco ocasións ► Tras acceder ás vivendas, revolvía en armarios e caixóns en busca de diñeiro e obxectos de valor

A Policía Nacional detivo a un mozo de 24 anos como presunto autor de varios delitos de furto que efectuaba facéndose pasar por revisor do gas, da luz ou de radiadores. Segundo informaron fontes policiais, o detido escollía vítimas de avanzada idade, entre 80 e 90 anos.

"Enganábaas contándolles calquera mentira facéndose pasar por revisor do gas ou outras veces dicía que viña revisar os contadores da luz, xa que o contador marca de máis", precisaron desde a Comisaría Provincial de Lugo.

O individuo actuou en non menos de cinco ocasións. Segundo a Policía, no seu modo de proceder "non dubidaba en revolver os armarios ou caixóns das casas en busca de diñeiro, xoias ou outros obxectos de valor fáciles de ocultar nos petos ou baixo a súa roupa". 

O primeiro caso do que tivo coñecemento a Comisaría Provincial foi rexistrado a principios do mes de xuño. Segundo o relato dos axentes, o mozo chamou a un piso dicindo que viña de parte de Gas Natural Fenosa.

Tras revisar todos os radiadores da vivenda, pediulle á dona, unha anciá de 86 anos, que lle ensinase "a cartilla do banco", pois necesitaba "os datos para realizar o cargo da revisión".

Inmediatamente, o mozo abandonou a casa e nese momento a muller deuse conta de que lle faltaba un total de 500 euros en efectivo que tiña no sobre da cartilla bancaria.

A Policía logrou descubrir a identidade das detido grazas, sobre todo, aos datos achegados polas vítimas. Todas elas fixeron unha descrición do mozo que coincidía: "De 1,80 metros de altura, sobre 30 anos de idade, forte, moreno, pelo curto, con acento galego".

Finalmente, o Grupo II da Brigada Provincial da Policía Xudicial procedeu á súa detención cando o individuo paseaba por unha rúa da capital lucense. Sen antecedentes penais, o mozo pasou a disposición xudicial o día 1 de agosto.

Comentarios