Detido un mozo tras fuxir da Garda Civil nun ciclomotor roubado

Un mozo de 23 anos de idade veciño de Lugo foi detido tras fuxir dun control rutineiro da Garda Civil cun ciclomotor roubado que levaba placas falsas. O individuo foi identificado polas pegadas recollidas no casco que deixou no lugar ao darse á fuga.

Segundo informou o Instituto Armado, foi detido A.J.P.A., de 23 anos, natural e veciño de Lugo, como presunto autor dun delito de roubo, atentado contra axente da autoridade, contra a seguridade viaria, por desobediencia grave aos gardas e por falsidade documental -polas placas de matricula falsas-.

O 20 de setembro de 2006 foi identificado o usuario dun ciclomotor nun control rutineiro, quen fixo caso omiso ás indicacións dos axentes e fuxiu do lugar, recollendo a patrulla un casco de motocicleta que quedou na zona, o cal foi remitido ao laboratorio de análise para buscar indicios ou vestixios para poder identificar á persoa ou persoas que puidesen manipulalo.

Ademais, foi recuperado o ciclomotor, cuxa subtracción fora denunciada ante a comisaría de Policía e que portaba placas falsas no momento da súa recuperación.

As mesmas fontes indicaron que o informe dactiloscópico do laboratorio permitiu identificar ao mozo que foi posto a disposición dos Xulgados de Vilalba (Lugo).

Usurpación do estado civil

Ademais, a Garda Civil detivo a W.de A.S., de 31 anos de idade, natural do Brasil e veciño de Chantada, como presunto autor dun delito de usurpación de estado civil, tras o que foi posto a disposición do xulgado de Instrución de garda de Lugo.

O individuo acudiu ás oficinas da Xefatura Provincial de Trafico de Lugo para realizar os trámites correspondentes á transferencia dun vehículo, identificándose cun permiso de conducir portugués e un N.I.E. de réxime comunitario, dos que substituíra as fotografías reais.

Doutra banda, o Instituto Armado imputou ás 10.00 horas do luns a M.V.V., de 41 anos, natural e veciño de Vilalba, como presunto autor dun delito e unha falta de danos.

O imputado é o presunto autor, segundo a Benemérita, dun delito de danos nun camión consistentes en varios cortes cun obxecto punzante na lona da plataforma, que quedou totalmente inservible. O valor dos danos foi estimado nuns 1.500 euros. Así mesmo, atribúeselle unha falta de danos por picar dúas rodas a outro vehículo.

Comentarios