Detido tras unha perigosa fuxida da Garda Civil en estado ebrio

A Garda Civil detivo a un home de Cospeito tras unha perigosa fuxida en estado ebrio, na que estivo a piques de atropelar a un dos axentes e chegou a circular pola marxe esquerda.
Os feitos, dos que informou o instituto armado este mércores, ocorreron ao amencer do domingo, ao redor das 7.30, cando unha patrulla estaba a efectuar un control de alcoholemia na estrada LU-120, de Vilalba a Paraxes, dentro do termo municipal vilalbés.

Os gardas deron o alto a un turismo, conducido por R.C.M. de 35 anos de idade, natural de Cospeito e veciño de Melilla, quen fixo caso omiso ao sinal de alto e realizou unha manobra evasiva co coche. Segundo a información oficial, estivo a piques de atropelar a un dos axentes.

O coche iniciou a súa fuxida e desviouse á estrada LU-P-6501, onde estivo a piques de chocar con varios turismos. Na fuxida, o condutor do vehículo perdeu o control nunha curva de visibilidade moi reducida e o coche quedou en sentido contrario. Cando os gardas foron a detelo, o condutor reiniciou a marcha, “circulando pola marxe esquerda cun desprezo manifesto á integridade dos usuarios que facían uso da vía neses instantes”.

Finalmente, foi detido xa en Cospeito. Alí realizóuselle a proba de alcoholemia. Deu un resultado de 0,91 miligramos por litro de aire expirado (o máximo é 0,25), polo que a R.C.M. imputáronselle dous delitos: circular cunha taxa de alcol superior á permitida legalmente e conducir un vehículo a motor con temeridade manifesta pondo en concreto perigo a vida ou a integridade das persoas. Foi posto a disposición xudicial.

Comentarios