Detido pola violación dunha moza un veciño de Castro de Rei

A moza interpuxo a denuncia en Madrid días despois de sufrir a agresión en Muimenta

Un veciño do municipio de Castro de Rei foi detido acusado da violación dunha moza. Axentes da Garda Civil procederon o pasado sábado á detención deste home, duns corenta anos de idade, ao ter constancia da denuncia que por agresión sexual presentou a moza presuntamente agredida.

Os feitos ocorreron a pasada semana en Muimenta, aínda que a moza, duns vinte anos de idade e natural de Guadalaxara, non interpuxo a denuncia ata pasados uns días e fíxoo en Madrid, cidade ata a que se desprazou desde a provincia de Lugo.

O xulgado de instrución madrileño que instrúe o caso pediu á Garda Civil que detivese a este home ao que se referiu a moza ao declarar sobre a agresión sexual con penetración sufrida na localidade lucense do municipio de Cospeito. Os axentes puxérono a disposición do xulgado de Vilalba.

Se se confirman os feitos denunciados, o home podería ser castigado a entre seis e doce anos de prisión, pois así consta no Código Penal ao referirse aos delitos contra a liberdade e indemnidade sexuais cando a agresión consista en acceso carnal por vía vaxinal, anal ou bucal, ou introdución de membros corporais ou obxectos por algunha das dúas primeiras vías.

Comentarios