Investigan se o detido con material pedófilo pertence a unha rede

A Garda Civil rexistrou a súa casa, en Santa Cristina de Cobres, na que achou "unha importante cantidade de arquivos" con menores practicando sexo explícito ►Os axentes buscan posibles vítimas, cuxas imaxes se difundían por WhatsApp
La Guardia Civil incautó el material en la casa del arrestado, en Vilaboa
photo_camera La Guardia Civil incautó el material en la casa del arrestado, en Vilaboa

Axentes da Brigada de Investigación Tecnolóxica da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra arrestaron o venres en Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) a J.A.G., investigado pola suposta comisión dos delitos de tenencia e distribución de pornografía infantil e corrupción de menores. A detención completouse co rexistro do seu domicilio, no que foi incautado numeroso material informático que a primeira ollada (a falta dunha posterior análise) contiña, segundo fontes do Instituto Armado, "unha inxente cantidade de arquivos con imaxes de menores practicando sexo explícito con adultos".

A investigación, dirixida desde a unidade de elite pontevedresa (que atesoura numerosos éxitos a nivel nacional pola súa loita contra a pornografía infantil), iniciouse en virtude dunha denuncia recibida por parte dun particular, que informaba á Benemérita da recepción de arquivos de pornografía infantil explícita a través dun grupo de WhatsApp integrado, na súa maioría, por persoas dos municipios de Vilaboa e de Pontevedra.

José Torres Responsable de delitos telemáticos

"Un problema no que nos atopamos é que hai países que aínda non perseguen a pornografía infantil"

"En moitos casos empregan foros privados e servidores virtuais, utilizan a nube para estes delitos"

A Garda Civil puxo os feitos en coñecemento do Xulgado de Instrución 3 de Cangas do Morrazo (con competencias en Vilaboa) en canto tivo coñecemento de que o sospeitoso dos mencionados delitos residía en Santa Cristina de Cobres.

Por mor das investigacións coordinadas polo titular do mencionado xulgado, os especialistas na loita contra os delitos telemáticos pescudaron que o detido, que traballa no sector das vendas tanto en Vigo como en Pontevedra, empregaba a citada aplicación de mensaxería instantánea para distribuír imaxes de pornografía infantil a través de Internet.

Os primeiros datos que puideron obter os axentes que interviñeron os dispositivos electrónicos do investigado deixaron clara a presenza de arquivos con imaxes de menores de idades comprendidas entre os tres e os doce anos.

TIRAR DO FÍO. Os equipos comisados no rexistro domiciliario do investigado foron remitidos ás dependencias da Garda Civil en Madrid, dotadas da máis alta tecnoloxía que permite efectuar unha análise forense de todos eles, detectando e rastrexando os arquivos que puideron ser compartidos desde os diferentes dispositivos.

Os axentes seguen agora dúas liñas de investigación para esclarecer os feitos por completo. Por unha banda, están a rastrexar as redes para intentar identificar aos menores que aparecen nas imaxes, vítimas dos delitos; por outra, áchanse á espera dos resultados das citadas análises para comprobar se o arrestado actuaba en solitario ou se mantiña contactos cunha rede de maior alcance dedicada á tenencia e distribución de material pedófilo e, talvez, tamén á produción. Por todo iso, a Garda Civil non descarta que se produzan novas detencións relacionadas con este caso, bautizado como operación Tygra.

O arrestado foi posto en liberdade condicional á espera de ser citado para distintas comparecencias no xulgado de Cangas.

Comentarios