Detido en Lugo tras chocar contra un coche policial e fuxir nun turismo roubado

Axentes da Policía Nacional detiveron na madrugada do luns en Lugo a un mozo ao que se lle imputa un delito de roubo con forza e outro contra a seguridade viaria tras chocar cun vehículo policial e darse á fuga nun turismo roubado. Ademais, era buscado polo xulgado de instrución número tres de Pontevedra.

O pasado luns sobre as 3.15 horas un mozo que conducía un turismo de cor negra en dirección contraria por unha rúa próxima á Praza de Augas Férreas de Lugo impactou contra un vehículo policial que estaba na zona. Tras o choque, o turismo deuse á fuga “a gran velocidade”.

A Policía localizou o coche na Ronda de Fingoi, onde impactara cunha árbore. O condutor necesitou asistencia sanitaria, polo que unha ambulancia do 061 trasladou ao mozo ao Hula (Hospital Universitario Lucus Augusti).

Os axentes comprobaron que o condutor subtraera o vehículo días antes (o 28 de decembro) na cidade de Pontevedra. Ademais, pilotaba baixo os efectos do alcol e, á súa vez, ía acompañado por un mozo menor de idade, ao que intentou venderlle o turismo subtraído por un importe de 1.500 euros.

Por todo isto, o condutor detido, un mozo natural de Vigo de 28 anos de idade, foi trasladado a dependencias policiais tras ser curado das lesións. Foi posto a disposición xudicial na mañá deste martes.

Comentarios