Detido en Barcelona por racharlle o pescozo e a orella a un senteito nun caixeiro

O arrestado atacouno, sen motivo aparente, cunha folla de afeitar

Un home de 25 anos foi detido e ingresou en prisión acusado de agredir cunha folla de afeitar a un senteito que se dispuña a durmir no interior dun caixeiro no distrito barcelonés de Nou Barris, e ao que sen mediar palabra lle fixo cortes no pescozo e na orella.

O arrestado, de nacionalidade romanesa, ten diversos antecedentes por delitos contra o patrimonio e estaría relacionado tamén con diversas pelexas nas que utilizaría unha arma branca para agredir a outras persoas, segundo informaron este venres os Mossos d'Esquadra.

Os feitos polos que o agresor foi detido ocorreron o xoves da semana pasada, día na que a vítima denunciou que unha persoa entrara no caixeiro onde el se dispuña a durmir e, sen motivo aparente, fíxolle un corte no pescozo e na orella cunha folla de afeitar.

Tras a agresión, o senteito pediu axuda aos clientes dun bar próximo, que avisaron aos Mossos e ao Sistema de Urxencias Médicas (SEM). A vítima foi trasladada de urxencia a un centro hospitalario, xa que os cortes eran importantes.

As gravacións feitas pola cámara se seguridade do caixeiro permitiron comprobar que a agresión se produciu sen que se observase ningún tipo de discusión nin pelexa anterior, e que o agresor, antes de atacar á vítima, estivo a vixiar para que non pasase nese momento ningún viandante.

Tras ser identificado e detido, o agresor pasou a disposición do Xulgado de Instrución número 16 de Barcelona, en funcións de garda, que decretou o seu ingreso en prisión.

Comentarios