Detida a parella que agrediu a un home en Lugo por unha discusión de tráfico

Axentes da Policía Nacional detiveron na mañá deste luns luns á parella considerada presunta autora das lesións causadas a un home o pasado día 10 durante unha discusión de tráfico en Lugo, tras ser increpados pola vítima á que case atropelan.

Segundo explica a Policía Nacional, aos dous detidos, que estaban en paradoiro descoñecido desde que sucederon os feitos, impútaselles un delito de homicidio en grao de tentativa. 

O pasado día 10 de xaneiro, sobre as 20.30 horas, recibiuse unha chamada na Sala de Operacións do 091 alertando de que na Rúa Manuel María da cidade, había unha persoa que momentos antes fora agredida cunha navalla por unha parella e fuxiran os agresores.

Unha vez no lugar, as dotacións policiais puideron comprobar que na rúa atopábase un home duns 40 anos con diversas feridas sanguentas, concretamente unha lesión inciso punzante á altura da cabeza e que sangraba abundantemente, e igualmente constataron que presentaba outra similar na parte superior esquerda das costas, así como varios cortes en dedos da man esquerda. 

En vista das lesións que presentaba o home, os policías solicitan presenza médica, personándose no lugar unha dotación do 061, que, tras unha primeira asistencia in situ, trasladouno ao servizo de Urxencias do Hula.

Tras as investigacións realizadas polos axentes, estas levaron á localización e á detención dos detidos; un home de 40 anos e unha muller de 29 anos, ambos veciños de Lugo, que foron postos a disposición xudicial na mañá deste luns. 

Comentarios