Destapan un sepulcro con pinturas murais no mosteiro de Sarria

O conxunto, que está a ser restaurado, quedou ao descuberto durante unhas recentes obras
Las pinturas representan la escena del descenso de la cruz
photo_camera Las pinturas representan la escena del descenso de la cruz

Unhas obras de rehabilitación realizadas recentemente na igrexa do mosteiro da Magdalena de Sarria deixaron ao descuberto a existencia dun antigo sepulcro con pinturas murais, as cales están a ser obxecto dunha restauración.

Tanto o enterramento como as pinturas se atopan na coñecida como capela de San Lorenzo e representan a escena do descenso de Jesús da cruz. O pai Solla, experto na historia do convento mercedario, xa sospeitaba da existencia deste conxunto, que podería datar do século XV ou XVI, e incluso divisara no seu interior unha caveira a través dun pequeno buraco.

A zona estaba tapiada e saíu á luz durante a restauración das naves principal e lateral do templo, financiada pola Xunta, que tamén colabora na recuperación destas pinturas.


A sepultura podería pertencer á familia Ribadeneira, protectora da igrexa no século XV, explica Xaime Félix López


O investigador sarrián Xaime Félix López Arias reuniu diversa documentación histórica que lle permite concluír "case con total certidume" que este enterramento —de traza gótica e diferenciado dos outros dous situados na parede da esquerda— pertenceu á familia Ribadeneira, que foi protectora do templo e varios de cuxos membros solicitaron, entre os anos 1416 e 1491, ser enterrados neste mosteiro.

Así, o 10 de xullo de 1416, Roi Gomes de Ribadeneira fai cesión de bens a favor da igrexa e manda "se deitar" na capela de San Lorenzo, antiga capela maior de Santa María Magdalena.

O 2 de novembro de 1454, engade o investigador, foi un neto daquel, Roi Gonçalves de Ribadeneira, quen deixa constancia de que o seu pai está enterrado na capela maior, á vez que dispón bens para que o mosteiro oficie unha misa ao mes e rece varios responsos cantados. El mesmo, en testamento redactado en Fafián o 20 de decembro de 1467, tamén pediu recibir sepultura neste templo, na mesma capela na que xace o seu pai.

A documentación da que dispón López Arias complétase cun escrito do 3 de xaneiro de 1491, polo cal outro dos Ribadeneira, morador en Santa Marta do Camiño Francés, amplía as dotacións anteriores.

A situación deu un xiro a principios do século XVI, cando Nuno Álvarez de Guitián mandou construír a nova capela maior para ser enterrado e dispuxo unha nova sepultura para os corpos dos Ribadeneira. Segundo o investigador, esta familia retirou a protección ao sentirse desprazada e foi entón cando os frades ocultarían o antigo enterramento dotado polos Ribadeneira.

Comentarios