'Despacito', o vídeo máis reproducido na historia do portal Youtube

A canción de Luis Fonsi e Daddy Yanki superou en visitas ao tema 'See You Again', de Wiz Khalifa e Charlie Puth

A canción Despacito, do portorriqueño Luis Fonsi coa colaboración do seu compatriota Daddy Yankee, continúa arrasando en todo o mundo e este venres converteuse no vídeo máis reproducido na historia de Youtube, ao superar ao tema See You Again, de Wiz Khalifa e Charlie Puth.


Segundo informou Youtube nun comunicado, Despacito alcanzou este venres 2.993.786.682 reproducións nesta plataforma dixital e atópase moi preto de ser o primeiro vídeo que supera os 3.000 millóns de visitas.

Youtube aclarou que Despacito bateu a marca en 203 días e sinalou que non se contabilizou o número de visitas do remix que fixo Justin Bieber desta canción, que só pola súa conta acumula máis de 469 millóns de reproducións.

"Romper a marca do vídeo máis visto de todos os tempos en Youtube é realmente incrible, non só para min, senón para a música latina e a nosa cultura", sinalou Luis Fonsi na nota.

O artista destacou o papel de Youtube para que se dese o éxito "global" de Despacito e que esta canción en español chegase "a audiencias de todo o mundo".

"Todo o que pasou nos últimos seis meses superou todas as miñas expectativas e estou agradecido de que a xente a gozase tanto e continúe cantándoa, bailándoa e compartíndoa", engadiu.

Pola súa banda, Daddy Yankee chamou a atención sobre os cambios nas regras e a industria da música, entre os que destacou o poder de plataformas como Youtube.

"Romper unha marca é abafador e estou feliz de seguir inspirando a outros a facer o mesmo", apuntou.

Esta marca de Despacito chega apenas dúas semanas despois de que se convertese no tema máis reproducido na historia a través das plataformas de streaming (emisión en liña).

Segundo os datos difundidos pola casa discográfica Universal o pasado 19 de xullo, o tema orixinal e a versión de Justin Bieber acumulaban por entón 4.600 millóns de reproducións nos diferentes servizos de streaming.

Esta marca deixou atrás a Sorry, tamén de Bieber, que tiña 4.380 millóns de visitas.

Ademais de triunfar nas discotecas de todo o planeta, Despacito é a primeira canción en español en alcanzar o número un da lista Hot 100 de Billboard en Estados Unidos desde o tema Macarena do dúo español Los del Río, en 1996. 

Comentarios