Desmantelan en Portas un invernadoiro con 42 plantas de marihuana

O dono, de 47 anos e veciño do municipio pontevedrés, foi detido
Invernadero de marihuana desmantelado en Portas
photo_camera Invernadero de marihuana desmantelado en Portas

A Garda Civil detivo en Portas ao dono dun invernadoiro e intervido 42 plantas de marihuana nun avanzado proceso de crecemento.

Segundo informou o Instituto Armado, foi detido M.M.S., de 47 anos e veciño do municipio pontevedrés, como presunto autor dun delito contra a saúde pública por cultivo e elaboración de drogas nun invernadoiro próximo á súa vivenda.

As investigacións levadas a cabo durante as últimas semanas polo Equipo de Investigación da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, en colaboración cos efectivos do Posto de Caldas de Reis, "corroboraron as sospeitas de que un veciño do municipio de Portas se adicaba ao cultivo de marihuana nunha leira próxima ao seu domicilio", relatan as mesmas fontes.

Cos indicios obtidos na fase de investigación, a Garda Civil procedeu á inspección da leira sobre as que recaían as sospeitas e así puido localizar un invernadoiro de estrutura metálica dedicado en exclusiva ao cultivo de marihuana.

No interior do invernadoiro contabilizáronse 42 plantas de marihuana, todas elas nun avanzado proceso de crecemento, con 2,5 metros de altura, as cales, unha vez arrincadas e esfolladas, arroxaron un peso de 78 quilos.

CONTRA A SAÚDE PÚBLICA. O dono e responsable da plantación, que foi detido acusado dun suposto delito contra a saúde pública, foi posto en liberdade e deberá comparecer, cando sexa citado, ante o xulgado de Instrución de garda de Caldas de Reis.

As plantas incautadas, unha vez postas a disposición da autoridade xudicial, serán entregadas nas dependencias de Sanidade Exterior para a súa análise e pesada.

comentarios