A Deputación sinalizará patrimonio en 18 localizacións dos Ancares

Os xestores da reserva da biosfera buscan dar visibilidade a eses bens, dos que se elaborará material divulgativo
Campos (centro), con representantes políticos y del mundo asociativo, en Cervantes
photo_camera Campos (centro), con representantes políticos y del mundo asociativo, en Cervantes

A Deputación de Lugo sinalizará patrimonio histórico e cultural en 18 localizacións da reserva da biosfera dos Ancares. O obxectivo da medida, a primeira que impulsará o próximo ano nese espazo distinguido pola Unesco, é dar máis visibilidade a eses bens, dos que tamén se realizará material divulgativo.

A folla de ruta para a posta en valor desa riqueza, actuación que propuxo o colectivo Patrimonio dos Ancares, concretouse este martes en Cervantes, nunha reunión dos órganos de xestión da reserva que presidiu o máximo responsable da Deputación, Darío Campos.

En concreto, en Cervantes instalaranse indicadores na necrópole megalítica de Pena dos Mouros, os petróglifos de Campa do Barreiro, o castro de Santa María, o castelo de Doiras, o pazo de Quindous e a igrexa de Donís. En Becerreá, sinalizaranse o dolmen de Vilouta, o castro de Cantiz, as igrexas de Penamaior e San Pedro de Cadoalla e as pontes de Gatín e Cruzul. Para rematar, en Navia de Suarna poranse en valor a mámoa de Ferreirúas, a ponte e o castelo da Pobra e os castros de Cantón, Cabanela e Pin.

Na reunión tamén se presentou o resto do programa de actividades para o primeiro trimestre de 2017, que incluirá propostas de carácter gratuíto, para todas as idades, como talleres, rutas e xornadas sobre varias temáticas.

Ademais, oficializouse a incorporación de cinco novos colectivos ao órgano de participación da reserva, que pasa a contar con 19. Son a Asociación de Mulleres Rurais Ledicia de Navia, a Anpa do CPI de Cervantes, a Asociación de Mulleres Alecrín de Cervantes, a Anpa do Ceip San Xoán de Becerreá e Patrimonio dos Ancares.

Campos resaltou a importancia dese modelo de xestión participativa na reserva, "que lle permite á poboación local ter voz e voto na xestión do seu territorio".

Comentarios