A Deputación premiará os mellores pratos de Terras do Miño e Os Ancares

Convoca concursos de receitas, tanto de tapas como de menús, con produtos das reservas
Sonsoles López (derecha), este lunes en un puesto en la plaza de abastos lucense
photo_camera Sonsoles López (derecha), este lunes en un puesto en la plaza de abastos lucense

A Deputación de Lugo premiará os mellores pratos elaborados con produtos autóctonos das reservas da biosfera Terras do Miño e Os Ancares. Así, acaba de convocar senllos concursos de receitas –tanto de tapas como de menús–, dirixidos a non profesionais, nos que poden apuntarse veciños dos 29 municipios que integran estes espazos naturais. 

A deputada delegada de medio ambiente, Sonsoles López Izquierdo, presentou este luns na praza de abastos da capital lucense esta iniciativa, denominada Receitas da Biosfera, coa que o goberno provincial pretende promover o consumo deses produtos autóctonos. Segundo explicou, os certames –un en cada reserva– divídense na categoría de tapa e de menú. Nesa segunda modalidade os participantes deberán presentar tres receitas: un primeiro prato, un segundo e unha sobremesa. Tamén aclarou que os interesados pode concursar á vez nas dúas categorías. 

Na puntuación, a Deputación valorará que as receitas estean vinculadas con manifestacións do patrimonio cultural e natural das reservas como as festas populares, os labores do campo ou os eventos culturais. 

A deputada de Medio Ambiente sinalou que as dúas mellores propostas pasarán a formar parte do libro ‘Receitas da biosfera’, que publica o Organismo Autónomo Parques Nacionais

López Izquierdo indicou que na categoría de menús haberá 500 euros para o primeiro clasificado, o segundo recibirá 300 e o terceiro, 150. Na modalidade de tapa, o responsable da mellor receita recibirá 200 euros, haberá 100 para o segundo clasificado e o terceiro recibirá 50. 

A deputada de Medio Ambiente sinalou que as dúas mellores propostas pasarán a formar parte do libro ‘Receitas da biosfera’, que publica o Organismo Autónomo Parques Nacionais e no que se reúnen pratos elaborados con produtos de todos os espazos naturais do país que gozan desa distinción da Unesco. Ademais, todos os galardoados recibirán un diploma. 

PRAZOS. Sonsoles López Izquierdo anunciou que o prazo para presentar as receitas finalizará o 18 de novembro. Deberán entregarse no rexistro da Deputación, no pazo de San Marcos, ou no rexistro doutras administracións públicas. 

Pódense consultar as bases dos certames na web www.deputacionlugo.gal, onde tamén se informa dos pasos a seguir en caso de acudir a rexistros diferentes do da propia institución provincial. 

Tras presentar estes concursos, a deputada de medio ambiente insistiu en que teñen por obxectivo a recompilación de receitas tradicionais destes territorios como parte do patrimonio cultural, a difusión da gastronomía local de Terras do Miño e Os Ancares, a promoción dos produtos autóctonos de ambas as reservas, o fomento da relación entre a gastronomía, o turismo e a hostalería e o apoio aos pequenos produtores deses 29 concellos.

Comentarios