Deputación de Pontevedra pide outra investigación sobre o Alvia, pero sen responsables políticos

O pleno apoiou por unanimidade reclamar unha comisión de expertos e técnicos independentes que analice o ocorrido en Angrois, pero PSOE e PP rexeitaron solicitar unha comisión parlamentaria
Pleno de la Diputación de Pontevedra
photo_camera Pleno de la Diputación de Pontevedra

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou unha moción na que se adhire parcialmente ás peticións da plataforma de vítimas Alvia 04155, presentada polo deputado Xosé Lois Jácome Enríquez, da Coalición electoral SON-Marea de Vigo. Por unanimidade, todos os deputados votaron a favor de que se investigue de novo o accidente ferroviario de xullo de 2013, pero só para coñecer as causas do descarrilamento no que morreron 80 persoas e resultaron feridas outras 144, en Angrois, sen buscar responsabilidades políticas, algo que rexeitaron os grupos provinciais de PSOE e PP.

Xosé Lois Jácome recordou que o texto da moción é o proposto pola plataforma e non admite emendas, pero se permitiu unha votación individual de cada un dos tres puntos que contempla a iniciativa. Deste xeito, aprobouse unanimemente "solicitar ao Goberno da nación que unha comisión de expertos e técnicos independentes investiguen o ocorrido", pero PSOE e PP rexeitaron solicitar ao Executivo "a apertura dunha comisión de investigación en sede parlamentaria para establecer posibles responsabilidades políticas". Os catro deputados do BNG e o de SON-Marea votaron a favor.

O portavoz popular, Luis Aragunde, expuxo que a Deputación de Pontevedra "non é o foro adecuado, ao non ter as competencias". Pola súa banda, o deputado socialista Carlos López Font coincidiu en que "non ten sentido expor un debate nesta administración neste asunto". A pesar disto, populares e socialistas expresaron a súa solidariedade coas vítimas e os seus familiares.

SOCORRISTAS E ESTRADAS. Á marxe dese asunto, foi rexeitada a moción do grupo provincial do Partido Popular que reclamaba á Deputación a posta en marcha unha liña de axudas económicas para os concellos con praias costeiras ou fluviais nas que se necesiten socorristas. O vicepresidente e portavoz do BNG, César Mosquera, respondeu que "esta administración non inventa o diñeiro" e reivindicou os fondos destinados ao 'Plan Concellos' e a "autonomía municipal" para decidir o destino dos mesmos.

Igualmente, o Partido Popular viu rexeitada a súa moción na que esixía "explicacións e alternativas" ao goberno provincial pola "anulación" de sete proxectos de estradas. "Se viñésemos en plan revanchista poderiámoslles levar ao xulgado por mil asuntos", espetou César Mosquera defendendo que a presidencia de Carmela Silva trouxo á Deputación "a orde, a norma e a corrección" fronte ás "chapuzas e cacicadas" que facía o anterior goberno presidido polo popular Rafael Louzán.

A portavoz do PP, Nidia Arévalo, respondeulle "cuidadito co que dis" e animouno a que acuda á xustiza se realmente ten motivos para iso.

O pleno gardou un minuto de silencio ao comezo da súa sesión deste venres polas vítimas do naufraxio do pesqueiro Nuevo Marcos, que se saldou con tres falecidos e dous sobreviventes.

Comentarios