A Deputación de Lugo implicarase na creación dun museo na casa do pai de Fidel Castro

Tanto a institución provincial como o alcalde de Láncara recoñecen que sacar adiante o proxecto non será sinxelo, porque é imprescindible que os herdeiros cedan a vivenda familiar
Homenaje a Fidel Castro en Láncara
photo_camera Homenaje a Fidel Castro en Láncara

A Deputación Provincial de Lugo implicarase de forma activa nos trámites para converter nun museo a casa natal do pai de Fidel Castro, situada no municipio de Láncara, ao saír adiante a moción que presentou o BNG grazas ao apoio do grupo socialista e á abstención dos populares e do deputado non adscrito. O deputado provincial Xosé Ferreiro recoñeceu que queda moito traballo por diante para que este proxecto sexa unha realidade, entre outras cuestións porque a institución non ten posibilidade de acometer ningún tipo de investimento se antes non se consegue unha cesión da casa familiar.

A casa da familia Castro, segundo aclarou o Partido Popular, pertence a máis dunha vintena de herdeiros, de aí a dificultade de concretar a cesión por un período de tempo determinado ou incluso de abordar unha operación de compra. En todo caso, Ferreiro afirmou que a moción do BNG perseguía, polo menos, crear o "debate" na sociedade para sentar as bases dun proxecto que pode facer que o municipio lucense de Láncara se converta nunha referencia por estar ligado, a través dos seus lazos familiares, a unha figura histórica como a de Fidel Castro.

O alcalde de Láncara, Darío Piñeiro (PSdeG), confirmou que o Concello está "a negociar" a través do "consulado" de Cuba unha posible cesión da casa familiar do Castro, co obxectivo final de convertela nun museo sobre as raíces familiares de Fidel, cuxo pai foi natural deste municipio lucense. Piñeiro explicou que o Concello levaba tempo con esas negociacións, que quedaron temporalmente aprazadas por mor da "sorpresa" pola morte de Fidel, pero que o goberno local espera recuperar cando a normalidade regrese ao país caribeño.

Darío Piñeiro explicou que o Concello de Láncara necesita facerse coa titularidade do inmoble, mediante unha posible compra do mesmo á familia Castro, ou ben conseguir unha cesión por un tempo mínimo de 25 anos. Recoñeceu que a operación, en calquera das súas variantes, non será sinxela, porque se trata da "típica" propiedade rural galega "indivisa", que seguramente pertence a todos os herdeiros da familia.

En todo caso, confía en que chegue a bo porto para crear un museo no que o goberno local ten postas moitas esperanzas, polo significativo que sería para un municipio do rural galego como Láncara.

Comentarios