A Deputación de Lugo actualiza o portal de transparencia, que está en "pésimas condicións"

O actual goberno considera "inxustificable" e "desorbitado" o investimento que fixo o bipartito nesta web

O portavoz do goberno provincial, Carlos Armesto, anunciou este mércores que a Deputación de Lugo remodelará e actualizará o portal dixital de transparencia, creado polo anterior executivo e no que se publica diversa información da entidade provincial e dos concellos adheridos a este programa, desde datos referidos aos cargos electos ata cuestións relativas a contratacións ou lexislación.

Armesto asegurou que nos deixaron este servizo en pésimas condicións", subliñando que o investimento de 1.326.000 do proxecto Innova-TE, co que se financiaron diversas actuacións, entre elas esta web, "é dificilmente xustificable". Neste sentido, explicou que nos vemos agora na obrigación de que os concellos teñan que utilizar esta ferramenta da propia Deputación, que tivo un custo desorbitado e non se atopa plenamente operativa", cando antes de que o bipartito puxese en marcha este proxecto, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas xa tiña a disposición dos concellos de toda España un portal dixital destas características "de carácter totalmente gratuíto". Por iso, insistiu en cualificar o investimento de "inxustificable".

O goberno provincial ten a intención de porse en contacto inmediatamente con todos os concellos da provincia que estean adheridos ao convenio co obxectivo de actualizar a documentación que aparece na web, "o que permitirá que esta ferramenta propicie máis facilidades á hora de acceder ao labor dos representantes públicos, á vez que se ampliarán os contidos demandados pola cidadanía e permitirá facer as tramitacións necesarias".

Comentarios