Denegada a licenza a unha firma para unha antena de telefonía

O Concello de Sarria denegou a licenza de actividade para unha antena de telefonía móbil sita no edificio número 107 da Rúa Calvo Sotelo.

O Concello considera que a antena é «incompatible» co Plan Xeral de Ordenación Municipal, xa que as licenzas deben adaptarse tanto ás Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal como ao PXOM, que foi aprobado inicialmente en xullo do ano 2009, sinalou o rexedor, Claudio Garrido.

A empresa, France Telecom, ten agora un prazo de seis meses para retirar a antena, aínda que contra esta decisión do goberno cabe interpor recurso.

Segundo explicou o alcalde, para a concesión da licenza de actividade son preceptivos senllos informes das Consellerías de Sanidade e Industria. A primeira delas emitiu un informe desfavorable á instalación da antena, aínda que finalmente foi autorizada tras unha modificación no proxecto. A Consellería de Industria tamén emitiu un informe favorable.

A instalación desta antena xa motivou tempo atrás un expediente de reposición da legalidade. No ano 2007 ordenouse o cesamento do seu funcionamento ao comprobarse que carecía das licenzas municipais de obra e actividade. A empresa recorreu a decisión ante o xulgado do contencioso-administrativo, que desestimou o recurso e deu a razón ao Concello.

Éste acordou o pasado mes de decembro a retirada da antena e así llo comunicou á empresa propietaria. A firma pediu entón a licenza de actividade, que acaba de serlle denegada en base ao PXOM, polo que deberá sacar a antena do edificio nos próximos seis meses.

Comentarios