Delinque adrede en Foz só para que o ingresen no cárcere de Bonxe

Quebrantou unha orde de afastamento que lle impedía achegarse á súa nai

Un veciño de Foz cometeu o pasado domingo un delito sendo plenamente consciente do que facía e, ademais, cun obxectivo en mente, que ao parecer era o de ser ingresado no cárcere de Bonxe. O home que cometeu este singular feito tiña unha orde de afastamento tanto da súa irmá como da súa nai. O que fixo foi quebrantala adrede para así ser detido pola Garda Civil, cousa que sucedeu.

Fixo o achegamento á súa nai cara ás oito e vinte da tarde do pasado domingo e foi detido pouco despois polos axentes da Garda Civil, manifestando cales eran as súas verdadeiras intencións. A partir dese momento, os axentes trasladárono ás dependencias da Garda Civil nese municipio e posteriormente foi posto a disposición do xulgado número 1 de Viveiro, que ditaminará se cumpre ou non os seus desexos.

Comentarios