A noite en que se fixo o xornal en pixama

Do insomne ao sismógrafo humano

Numerosas persoas durmiron durante días en coches ou cambiaron de domicilio ►Un veciño de Piñeiroá (Láncara) recorda o esborralle dunha parede da súa habitación
Alfredo Moreira sujta la portada donde salían él y su casa destruida, justo en el mismo lugar
photo_camera Alfredo Moreira sujta la portada donde salían él y su casa destruida, justo en el mismo lugar

"Durmo perfectamente. Un terremoto o domingo? Non me enterei de nada". Ninguén diría que estas palabras as pronuncia hoxe alguén ao que un día se lle esborrallou enteira a parede da súa habitación. Alfredo Moreira ten na actualidade 73 anos e segue habitando a mesma casa, no lugar lancarés de Piñeiroá, un deses sitios onde a estrada se acaba.

Alfredo vive só, como fai 20 anos. Non recorda canto tempo levaba durmindo aquel 22 de maio de 1997, pero si que de golpe o espertou un ruído e viu como a parede empezaba a desfacerse por arriba, aos poucos, ata caer por completo a fachada posterior. Non tivo que marcharse a vivir a outro lugar. Por fortuna a casa ten unha segunda á onde hai dúas habitacións. Un inmoble, por certo, que parece perseguido por unha maldición, pois 12 anos despois, en 2009, sufriu graves danos por un incendio orixinado na cheminea.

Botando unha mirada aos xornais da época, o domicilio de Alfredo aparece como o máis danado pola serie de terremotos de hai dúas décadas. A imaxe tomada por Víctor L. Villarabid foi portada do Progreso o 23 de maio. Houbo danos en centos de edificacións, sobre todo de pedra, moitas delas relixiosas (no mosteiro de Samos, por exemplo), pero a maioría reduciuse a gretas, posiblemente tan cuantiosas ou máis na súa reparación como a fachada de Piñeiroá, pero moito menos rechamantes.

Centos de anécdotas hai sobre a noite en que tremeu Galicia. A intempestiva hora (1.50) fixo que as sensacións quedasen gravadas a lume na poboación, sobre todo no triángulo sísmico. De feito, o luns pasado, tras o tremor de 3.5 de primeira hora da madrugada do domingo, a comparación co de fai 20 anos foi o comentario xeneralizado, por suposto, minimizando o de hai unha semana en comparación con aquel 'big one'.

E é que aquel foi un terremoto de persoas máis que de danos. A propia noite de autos as rúas enchéronse de xente. É máis, posiblemente case ninguén quedou a cuberto nun primeiro momento, aínda que logo foron regresando. Non todos. Cóntase a anécdota dunha veciña de Lugo que vivía nun sexto piso e xa non volveu subir á súa casa, trasladándose a outro lugar. Peor sorte tivo un sarrián, enfermo do corazón, que tras o sismo caeu esborrallado na calzada e morreu dun infarto.

Outros volveron ás súas moradas, pero logo de varios días. Un empregado da extinta Caixa Galicia en Becerreá contaba no xornal da época como era o seu sétimo día durmindo nun coche coa súa familia. Non querían volver á súa casa, eran incapaces de durmir. Quen tiña caravana tamén preferiu trasladarse por uns días a residir como unha seda e a niveis de chan.

DETECCIÓNS. O que si fraguou o terremoto de 1997 foi toda unha lexión de sismógrafos humanos. Xente que desde entón é capaz de percibir calquera pequeno movemento, ou polo menos iso cre. Algúns chaman inmediatamente por teléfono, aínda hoxe, ao Instituto Xeográfico Nacional: "Un terremoto? Déixeme mirar. Si, señora, de 1,5 graos, imperceptible para o ser humano". Pois non, aquí notouse.

Nas semanas seguintes, os médicos aumentaron a receita de ansiolíticos e de produtos diversos para conciliar o soño, pois calquera son perturbaba o descanso. A xente camiñaba polas rúas "como zombies" aínda unha semana despois, contaba un veciño de Becerreá. En Sarria, ata houbo unha procesión "para pedir a Deus que cesasen os terremotos".

Para Alfredo de Piñeiroá o susto non pasou dese día. Durmiu coma se nada a seguinte noite e as demais da súa vida, aínda que nunca esquecerá aquela madrugada en que a súa habitación quedou sen parede.

Comentarios