sábado. 04.04.2020 |
El tiempo
sábado. 04.04.2020
El tiempo

Deitando agulla en As Gándaras

Os técnicos e especialistas preparan unha escea no polígono das Gándaras onte (Foto: EP)
Os técnicos e especialistas preparan unha escea no polígono das Gándaras onte (Foto: EP)

A rodaxe dunha escea de ‘Mr. Smith & Mrs. Wesson’, unha curtametraxe de Jorge Saavedra, converteu o polígono das Gándaras nun escenario de acción vertixinosa. A maiores, o audiovisual galego estreou onte un helicóptero RC, un pequeño aparello que permite rodar imaxes aéreas.

O productor, o lucense Miguel García, explicou que procederon a curtar o tráfico para poder desenvolver unha persecución de coches que acaba nun dobre trompo con tiroteo. Os encargados de levala adiante son especialistas madrileños de Magnum & Crash.

A curta, que ten prevista unha duración de 10 a 15 minutos, conta cun orzamento de 6.000 euros. A peza, que ten a particularidade de ser muda, está protagonizada polo Capitán Kalashnikov (o riotortense Luis Iglesia), un policía que recluta presos para seren soldados. Un deles, Smith, é contratado para adestrar a Wesson, algo que fai sen poder evitar namorar dela e deixala embarazada. O capitán, indígnase ao informarse e quere matalos.

A maiores de Iglesia, participan no proxecto Camila Bossa, María Mera, Octavi Pujades e Xabier Deibe, que forman parte dun equipo de trinta persoas. Estiveron traballando en exteriores de Mugardos e farano nos vindeiros días na Coruña, onde filmarán unha escea nun piso e outra nun estudo.

Chumbo

A traxectoria na curtametraxe de Jorge Saavedra ten fitos coma ‘Sen chumbo’, que se erixiu como gañadora nas modalidades de mellor curta de ficción, mellor actor e mellor actriz na
cuarta edición do Festival de Cans que se celebra no Porriño.

O xurado do certame premiou ‘Sen chumbo’ pola súa realización, que atopou «moi sutil, porque consegue contar os puntos de vista de moitos personaxes en pouco tempo». Tamén valorou o «grande traballo» de montaxe da obra e os «espléndidos» actores da repartición coral.

En canto á galardoada como mellor actriz, a vilalbesa Cristina Castaño, os membros do xurado indicaron que creou para ‘Sen chumbo’ un personaxe «elegantemente malvado que lle proporciona un contrapunto» á historia. Segundo engadiron, o premio ao mellor actor recaeu en Xulio Abonjo pola súa composición dun personaxe «no límite, pero que non cae na caricatura». 

Deitando agulla en As Gándaras
Comentarios