Decenas de visitantes percorren a diario a nova senda da Vilavella

A recuperación da ensenada ribadense da Vilavella, que bordea tres quilómetros da ría, é unha das obras máis utilizadas na vila e que atrae a un maior número de turistas e visitantes. Decenas de persoas percorren a diario esta senda, que parte da praia urbana dos Bloques e que termina nos muíños de mareas e de regacho de Ove.

Non só a oficina de turismo promociona a ruta, senón que os propios ribadenses rendibilizan con fartura a senda, cuxa rehabilitación, por parte da Dirección Xeral de Costas, terminou pouco antes das pasadas eleccións xerais.

Este percorrido, con vistas sobre Castropol e sobre a ría, que á súa vez está declarada humidal de importancia internacional, compleméntase co da ruta cara ao faro de Illa Pancha, en cuxo traxecto os visitantes atopan o forte de San Damián.

O que falta por definir é o uso que se lle dará ao rehabilitado edificio da antiga fábrica de algas.

Comentarios