De súpeto, o derradeiro verán

Volta ao redil. (MIGUEL VÁZQUEZ)
photo_camera Volta ao redil. (MIGUEL VÁZQUEZ)

Setembro cáenos enriba cando estabamos a piques de lle coller o tintimán a iso que chaman agosto. Un descenso polos terreos de Gargantúa e Pantagruel de cinco fins de semana e moitas sesións vermú, ben o saben as deusas.

Ben visto, agosto tampouco foi para tanto, ou? Os do sol e praia non deixaron de rosmar. Os verbeneiros nunca teñen abondo e sempre queren máis orquestras e máis decibelios. Os do rocanrol lévana clara desde que estoupou a burbulla festivaleira. Menos mal que nos queda Portugal (e o Resurrection Fest, claro).

Resisten as xiras, enxurradas, merendas e comilonas varias porque desta beira do telón de grelos somos moi de comercio, bebercio e festa ‘jolgorrio’, que dicía o anuncio cervexeiro de hai uns anos.

Ben visto, ao mellor agosto non estivo tan mal.

Pero non desespere. Desde que o fútbol regresa con 35 graos á sombra e as reformas educativas borraron do almanaque os exames de setembro, o noveno mes semella máis confortable. Tan pracenteiro como acubillarse no niño e agardar a que chegue o inverno.

Unha volta ao rego. Un reinicio completo do equipo que se percibe nos ánimos con moita máis furia có de xaneiro. O traxecto cara a equinoccio adoita ser doroso, pero nunca está de máis pensar no necesario que resulta poder frear e recuperar o ritmo. Facer listaxes. Gardar cancións, lecturas, paisaxes e tactos coma tesouros para cando a néboa espesa se instale un día, outro día e outro máis.

Comentarios