De ponte: suxerencias baratas sen saír de Lugo

Una edición anterior de Xuvenlugo (Foto: AEP)
photo_camera Una edición anterior de Xuvenlugo (Foto: AEP)

A ponte da Constitución -ou da Inmaculada- é un deses momentos sudoku no almanaque laboral no que algún busca construír o almanaque de Segovia. Sobre todo, en anos coma este, no que os festivos coinciden estratexicamente preto de dúas fins de semana, coa posibilidade para os máis aventurados de saír do traballo hoxe ás tres do serán e non volver ata o luns 12 á mañá.

Para o común dos mortais, escasos de tempo de lecer e coa necesidade de mirar pola economía familiar, a provincia de Lugo está sobrada de opcións para gozar da ponte, algunhas tan ao acceso de case que todo o mundo como recrearse coa paisaxe dos estertores da outonía, recorfortante para a alma, os sentidos e os petos.

A primeira fin de semana de decembro adoita ser o inicio da tempada de esquí. Non hai estación para a práctica de tal deporte na provincia de Lugo -as máis próximas, en León e en Cabeza de Manzaneda, en Ourense-, pero semella que non ha faltar neve na Montaña luguesa, alomenos hoxe e mañá.

O de ir ver a neve é un clásico familiar para estas tempadas de asueto e, en Lugo, non cómpren grandes desprazamentos para gozar do que vén sendo o líquido elemento en estado sólido. A Pedrafita chégase sen dificultades desde a capital provincial, e por autovía. Iso si: ollo ás informacións meteorolóxicas e non desbote a importancia de levar as cadeas no maleteiro cando viaxe por estrada na provincia de Lugo neste mes e nos vindeiros.

Para experiencias máis intrépidas, o albergue Ancares, en Cervantes, pode ser un bo punto de partida e acubillo se unha prefire sendeiros máis bravos polo monte e calzado impermeable.

As administracións van programando cada vez menos actividades ao aire libre a medida que acurtan os días, pero de cara a vindeira fin de semana ten lugar unha das citas gastronómicas máis orixinais. A parroquia de Froxán celebra o sábado día 10 unha nova edición da Festa da Pisa da Castaña Seca, nun deses núcleos rurais que desde calquera encadre dará unha postal, mesmo na cámara de fotos dun ‘smartphone’.

Achégase o inverno

Dúas citas chegan todos os anos aos lugueses pola ponte da Constitución e a súa irrupción significa que se achega o inverno e que xa comezou a carreira cara o Nadal.

Unha é o Belén de Begonte, cuxa inauguración será mañá e que estará aberto ao público ata o vindeiro 28 de xaneiro. A actual será a cadraxésima edición deste nacemento electrónico, que este ano presentará algunhas novidades fronte aos anteriores, segundo avanza a organización. Haberá que agardar ata mañá a mediodía para descubrilo.

A segunda constante da ponte de decembro na provincia é a apertura ao público de Xuvenlugo, un clásico que chega á súa oitava edición no Pazo de Feiras e Congresos da capital. Xuvenlugo abrirá desde mañá ao 11 de decembro, antes de novo aviso co Nadal ás portas. Chega con once atraccións, ademais de xogos tradicionais, karaokes, pistas de karts, minigolf, slot e hinchables de grande formato.

Se é dos que opta por un ocio ‘indoors’, pero non lle presta moito o do horario infantil, municipios como o de Sarria -do 5 ao 11 de decembro, con prezos de entre 0,20 e 2 euros- e A Pobra do Brollón -do 3 ao 11 de decembro, con racións a 0,60 euros - reservaron para este tempo certames de tapas nos locais de hostalería: para mover o bigote cun gasto axustado.

Un percorrido de ocio polas bisbarras de Lugo

As terras da provincia ofrecen actividades para todos os públicos para aproveitar o tempo de lecer dos vindeiros días.

  • Mercado de Nadal de Ribadeo

Outro dos habituais de decembro é o Mercado de Nadal de Ribadeo, que abrirá de mañá ao xoves na Praza de España da vila e que programa obradoiros para os máis pequenos e actuacións a diario, amais de suxerencias artesanais e de produtores da contorna para agasallar en Nadal e Reis.

  • Música clásica no Palacio de Sober

As Xuventudes Musicais de Sober programaron para mañá, ás 19.00, un concerto de clave no patio de cristal do hotel Palacio de Sober. A clavecista leonesa Sara Johnson Huidobro, que realizou estudos de clave no Conservatorio de León e actualmente estuda no Conservatorio Superior de Música de Aragón, ofrecerá un recital con pezas de Bach e Duphly.

  • Noites de rock e outras herbas no Clavi de Lugo

A programación da ponte do club Clavicémbalo de Lugo arrinca hoxe co rock de Metelasacala, que actuarán ás 24.00 horas, e segue mañá co teatro de Mambo Revolution, ás 23.30 horas. O luns 5 actuarán The Gramophone Allstars, que practican ska, jazz, boogaloo, soul e bossanova, mentres que o mércores 7 será a quenda dunha noite de rock a cargo das bandas Kastomä e Zootropa. A balada pop de Sabine, para o xoves 8; Nuno Costa Quinteto, o venres 9, e hip hop para a noite do vindeiro sábado 10 de decembro.

    Artes escénicas para todos os públicos

    O teatro e outras artes escénicas veñen moi acaídas para o ocio da tempada outono-inverno e en distintos puntos do municipio fan as súas achegas para a ponte da Constitución.

    ‘O florido pénsil’, mañá en Viveiro

    É unha das estreas do ano nas táboas galegas e chega mañá, ás 20.30 horas, ao teatro Pastor Díaz de Viveiro. Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, Antonio Durán ‘Morris’, Federico Pérez, Josito Porto e Alfonso Agra integran o elenco deste clásico de Andrés Sopeña adaptado ao galego por Tankatta. ‘O florido pénsil’ conta as vicisitudes dun grupo de rapaces sometidos á absurda e ilóxica brutalidade que dominou o sistema educativo na España da posguerra.

    David Amor e Leo Harlem toman un café en Lugo

    Os cómicos David Amor e Leo Harlem, habituais do monólogo, xuntáronse para facer o espectáculo ‘Pasa a tomar un café... cuando quieras’, que chegará mañá ás 20.30 horas ao auditorio Gustavo Freire de Lugo. O humor galego e o castelán póñense a proba nesta montaxe de alta comedia con David Amor, un mestre de cerimonias coas mans moi grandes que fai unha viaxe pola Galicia máis auténtica acompañado dun leonés, Leo Harlem, que se ri da historia, dos chándales e da gastronomía española.

    Outono de Escena, no municipio de Pol

    A asociación cultural Leña Verde de Pol organiza mañá a segunda cita do programa Outono de Escena, de teatro afeccionado, coa representación da obra de Xosé Manuel Carballo ‘Recobrou o sorriso de Eleuterio’, da man da asociación Os Valuros, de Castro de Rei. O propio Carballo ofrecerá logo da montaxe teatral unha sesión de contacontos. A sesión terá lugar ás 22.00 horas no centro sociocultural de Mosteiro.

Comentarios