Das obras de misercordia

Don Celestino Saavedra exercía como profesor de Relixión na Escola Normal de Maxisterio de Lugo cando un servidor, de rapaz novo, asistía nela a clases. Era, don Celestino, home de xenio vivo e moi pouco aberto ao diálogo, defectos que, dicíase, eran debidos a unha suposta úlcera de estómago, doenza que, ao parecer, concedía a quen a padecía dereito á comprensión de calquera que se puidese sentir prexudicado e á caritativa absolución que todos os demais tiñan obriga de conceder. Unha das esixencias académicas incuestionables ás que os seus alumnos estabamos suxeitos era a obriga de aprender de memoria, con preguntas e respostas, o catecismo do Padre Astete que era preciso recitarlle de corrido comezando por aquilo de: «Todo fiel cristiano/está muy obligado...» até a última liña da última páxina.

E supoño que, usando dilixentemente da primeira das que no propio Catecismo chamaban «potencias da alma», todos acababamos por memorizar aquel texto, senón na súa totalidade si nunha parte considerable, e así non é de estrañar que aínda hoxe nos veñan á cabeza con relativa claridade algunhas das cousas daquela aprendidas cando algo do que les ou escoitas serve para activar o botón preciso. As ‘Obras de Misericordia’, por exemplo, que son catorce, sete espirituais e sete corporais, e destas últimas, a sexta é: «Dar pousada ao peregrino», e a tecla de memoria que a estimulou foi a fotografía que aí atrás publicaba El Progreso na que se podía ver a unha señora que «protestaba iradamente» porque non había prazas abondas no albergue que para tal uso ten habilitado o Concello de Portomarín, e mais a controversia que vén producindo o aloxamento en Madrid dos milleiros de persoas que acoden a acompañar a visita do Papa. No caso da señora da foto e mais no dos outros que canda ela protestaban, parece claro que estaban convencidos de acháranse en posesión dun dereito que a cidadanía de Portomarín —e, por extensión, a cidadanía toda— tiña que lles conceder sen outro motivo que a súa respectable e voluntaria condición de peregrinos a Compostela, argumento que, con matices, tamén utilizan algúns dos que polemizan sobre o tratamento que se lle debe dar aos asistentes á XXVI Xornada Mundial da Mocidade.

A misericordia é unha virtude —que non ten por que ter carácter institucional— que leva a perdoar, compadecerse ou socorrer a quen en verdade o precisa e se cadra, e coa que está caendo, non estaría de máis lembrar agora as outras seis obras de misericordia corporais que naquel catecismo viñan: «Visitar aos enfermos», «Dar de comer a quen ten fame», «Dar de beber a quen ten sede», «Redimir ao cativo», «Vestir ao espido» e «Enterrar aos mortos».

E despois ver se cómpre establecer preferencias.

Comentarios