''Damos por bo o punto, tal e como se puxo o encontro''

Un punto agridoce foi o que sumou o Ribadeo fronte ao Mugardos. A parte positiva é que o gol do empate chegou no tramo final, cando case se cantaba a derrota, e a nota negativa é que os mariñáns dispuxeron de ocasións dabondo, sobre todo na segunda metade, para conseguir un mellor resultado. Ademais, o Ribadeo perde unha boa oportunidade de coller vantaxe sobre un rival directo na clasificación e de gañarlle o golavarage, tras o 1-1 do encontro da primeira volta.

O técnico trata de extraer unha lectura positiva do choque, aínda que admite que o punto sabe a pouco e o empate era un resultado que non asinaba antes do enfrontamento. «é un punto importante visto como empezou o partido. Pódese dicir que o resultado é un mal menor», sinalou Vilachá, que admite deixar escapar unha ocasión, pero tamén asegura que a longo prazo o empate pode ser bo. «Creo que os dous equipos imos estar loitando ata o final pola permanencia e unha derrota situounos por detrás do Mugardos e co golaverage perdido. Agora estamos aínda con dous puntos de vantaxe e unha marxe importante de goles no coeficiente xeral, que ao final pode ser importante», engadiu o técnico.

Vilachá considera que os afeccionados que acudiron ao Pepe Barreira non viron a mellor versión do Ribadeo, sobre todo no primeiro tempo. «Estivemos moi espesos durante os 45 minutos iniciais. Non fomos o equipo que aspiramos a ser en ataque e atrás demos algunha facilidade pouco habitual nas últimas semanas. O Mugardos soubo aproveitalo para marcar o ritmo e foi mellor que nós», dixo o técnico

Reacción

Vilachá valorou a reacción tras o descanso. «Nesta categoría non é fácil remontar, pero non nos demos por vencidos e fomos un equipo ben diferente. Os xogadores estiveron máis metidos no partido e foron máis incisivos. Non é que xogásemos moi ben, pero tivemos profundidade e xeramos as ocasións que se nos negaron no primeiro tempo», concluíu.

Comentarios