Currás, sobre a oposición: ''Volven ser os do 'non', a xustiza quitaralles a razón''

O aínda alcalde de Santiago, Ángel Currás, sinalou hoxe que os grupos da oposición no consistorio "volven ser os do non" e considerou que a xustiza ''quitaralles a razón" no seu posible recurso ao futuro equipo de Goberno local.

Currás anunciou en datas recentes que renunciará ao cargo tras os problemas de gobernabilidade xurdidos no seu grupo pola dimisión de nove concelleiros por problemas xudiciais, e será substituído polo exconselleiro Agustín Hernández, que elaborou un equipo no que a maioría, sete de trece, son edís non electos.

A preguntas dos xornalistas polo anuncio o BNG de que recorrerá aos tribunais este equipo, e que o PSOE estuda tamén levalo á Xunta Electoral, Ángel Currás dixo: "Non me sorprende nada do señor Cela (portavoz do BNG) e do señor Reyes (do PSdeG)". Ao seu xuízo, "quixeron deslexitimar a vitoria" do PP en 2011, a pesar de gañar por maioría absoluta, e recordou que perderon un contencioso contra os resultados.

O aínda alcalde considerou que os portavoces da oposición "queren deslexitimar todo; van perder de novo ese recurso" porque a elección de concelleiras "está prevista na lei electoral". "Pero non nos sorprende nada porque o papel que están a facer en defensa dos intereses da cidade é lamentable, e levan tres anos opóndose a todo, a calquera obra" e "volven ser os do non", manifestou. Ao seu xuízo, están a quedar, "especialmente" o Bloque, "nunha situación residual, marxinal en Galicia, como se pode ver nas últimas eleccións, están moi nerviosos". Pero, salientou, "que fagan o que queiran; desde logo, a xustiza, de novo, quitaralles a razón".

Comentarios